O renovado pavillón da ONCE convértese no centro de operacións do taekwondo e a esgrima
Por Manu Otero
A Escola Hungaresa e o Mace Sport, clubs de referencia na cidade para a práctica da esgrima e o taekwondo, estrearán a próxima semana unhas novas instalacións remodeladas e adaptadas para a práctica destas disciplinas deportivas. O vello pavillón da ONCE foi obxecto dunha profunda reforma en materia de eficiencia enerxética e renovación de equipamentos que permitirá inauguralo a próxima semana.
"Este pavillón necesitaba unha remodelación urxente para ser un equipamento do século XXI", declarou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quen puxo en valor tamén outras intervencións na contorna como a urbanización para conectar este espazo co barrio de San Brais, a futura residencia de Amencer-Aspace ou os campos para a práctica de deportes tradicionais como a petanca e a chave.
Tamén recoñeceu o rexedor que tanto o Mace Sport como a Escola Hungaresa "necesitaban unha instalación fixa con toda a tecnoloxía que precisan" e que este pavillón "deixará resolto un espazo de adestramento fixo". E en ton de broma engadiu que "non vai haber escusa para non ter bos resultados deportivos".
O tenente de alcalde e titular de Deportes, Tino Fernández, explicou que a obra serviu para mellorar a eficiencia enerxética do edificio e mellorar a calidade dos espazos de adestramento e competición. O único que falta para inaugurar o novo pavillón é a colocación dun pavimento especial para a práctica destes deportes que absorbe a enerxía dos impactos e reduce as posibilidades de lesión.
"Imos seguir traballando para mellorar e incrementar as instalacións e seguir a ser un exemplo como cidade que ama e practica o deporte", proponse o edil socialista.
Na presentación do pavillón participaron tamén os presidentes de ambos os equipos. Miguel Cortegoso, do Mace Sport, declarou que "onde adestrabamos non tiñamos esa calidade, tiñamos que adestrar dunha maneira e competir doutra. E iso non axudaba. Aquí imos adestrar con todas as opcións que temos nun campionato e o nivel mellorará. Pero o que queremos é seguir medrando como club".
Pola súa banda, Adrián Cubela, que dirixe a Escola Hungaresa, quixo destacar que este novo pavillón achegará "moita máis calidade e comodidade aos adestramentos, por no falar da competición. Agora estamos na obriga de apretar duro sobre todo despois do ano e medio que levamos, no que polo menos conseguimos manter á xente adestrando. Isto servirá como acicate para renovar enerxías e adestrar con máis forza".
Relacionadas:
-
Pilar Garnelo ascende ao cuarto posto do ranking nacional de sabre cadete
Por Redacción |
-
A Escola Hungaresa organiza esta fin de semana o primeiro torneo de esgrima a cegas de España
Por Redacción |
-
Accidentada partida dos taekwondistas galegos cara ao Europeo de Tallín
Por Redacción |
-
Os tiradores da Escola Hungaresa brillan no torneo de verán de esgrima antiga
Por Redacción |
-
O ximnasio da Once estará operativo a mediados de maio
Por Redacción |
-
O antigo ximnasio da ONCE contará cunha tarima de madeira con alta capacidade de absorción
Por Redacción |
-
A reforma do ximnasio da ONCE, en marcha
Por Redacción |
-
O tenis de mesa terá un pavillón específico en Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño |