Cerponzóns apraza ao ano que vén pola pandemia a celebración das súas vodas de prata co balón
Por Manu Otero
Primeiro sobre a terra, agora sobre a herba sintética dun terreo de xogo que leva un cuarto de século articulando a vida deportiva da parroquia de Cerponzóns. O equipo do pobo tería que celebrar este ano os 25 anos de relación co balón, pero a pandemia, a mesma que obrigou por primeira vez desde a súa fundación en 1996 a deixar de competir; obrigou a pospoñer ao próximo ano o banquete ao que está convidada toda a familia que formou parte do club.
"Pola situación sanitaria decidimos non facer o acto este ano, para evitar aglomeracións", explica o presidente da entidade, Martín Iglesias. A intención da actual xunta directiva é realizar unha comida multitudinaria o próximo ano ao finalizar a tempada.
"Queremos convidar a todos os xogadores, adestradores e patrocinadores que pasaron polo club durante estes 25 anos", detalla Iglesias, quen recoñece que contactar coas máis de 50 planteis que conforman a historia do Cerponzóns CF non está a ser tarefa doada. "Estamos a tirar de grupos de Whatsapp para tentar reunir aos máximos posibles", admite sen poder dar unha cifra aproximada do número de persoas que participarán na festa.
O que si ten claro Iglesias é que o evento servirá para render homenaxe aos fundadores do club. A primeira xunta directiva da entidade, que presidiu Francisco Saavedra; estaba formada tamén por Manuel Castro (secretario), Enrique Alvite (vicepresidente), Ruy Fontán (tesoureiro), Jose Manuel Barral (vogal), Pascual Cochón (vogal), Joaquín Souto (vogal), Manuel Morgade (vogal) e Jaime Recarei (vogal).
A intención do presidente é celebrar esta festa ao finalizar o próximo curso futbolístico que, espera, volva celebrarse en condicións normais posto que a campaña 2020/2021 suspendeuse pola pandemia da covid-19. En Galicia, o balón non roda nos campos das ligas de Primeira, Segunda e Terceira Autonómica desde marzo do 2020.
"Estamos a planificar a próxima tempada, a nosa intención é manter o bloque da última tempada. Esperamos poder contar con todos porque a xente ten ganas de xogar ao fútbol", recoñece Iglesias, que confía en poder inscribir para a seguinte tempada ao equipo sénior e o de veteranos nas súas respectivas ligas.
Tampouco descartan que a familia do Cerponzóns creza nun futuro próximo. "Tivemos equipo de cadetes algunha tempada, pero agora non. Con todo, estamos a pensando crear categorías inferiores", avanza o dirixente dun club que acumula tres ascensos a Segunda Autonómica nos 25 anos de historia que cumprirá o día 26 de xuño.