O acordo entre Teucro e Monbús non se pechará antes da Asemblea de socios
Por Diego Espiño
Monbús non se adherirá ao convenio de acredores da Sociedade Deportiva Teucro nos prazos previstos polo club.
A directiva encabezada por Carlos García-Alén marcárase a data do 31 de outubro como límite para pechar o acordo cos principais acredores da entidade e garantir así que o concurso abreviado puidese saír adiante. Non será así porque ata o momento tan só asinaron aproximadamente os representantes do 38% da débeda total, que ascende 1.610.000 euros.
Para que o xuíz dea validez ao concurso, que como adiantou PontevedraViva foi presentado o pasado 3 de outubro ante o Xulgado do Mercantil, é necesario que o 51% dos acredores acepten reducir a débeda á metade, cun prazo de cobramento do resto de cantidades de 5 anos.
"Que no se firme antes del 31 lo que nos hace es retrasar plazos en cuanto a la salida del concurso"
Esa cifra do 51% conseguiríase coa inclusión de Monbús, polo que o Teucro ampliará o prazo de negociación esperando á decisión de Raúl López, dono da empresa, con quen se reunirán os primeiros días de novembro, como confirma o presidente do club pontevedrés, "es una cuestión de agenda. Raúl López no podía fijar una reunión antes del 31, pero está bastante avanzado y debería fraguarse en breve. Que no se firme antes del 31 lo que nos hace es retrasar plazos en cuanto a la salida del concurso".
Segundo o máximo mandatario teucrista é moi importante para o club acelerar estes pasos o máximo posible, "si en la primera quincena de noviembre se consiguen las adhesiones, a principios de enero podríamos tener el concurso aprobado y estaríamos en condiciones de recibir subvenciones y cobros pendientes sin riesgo de ningún embargo de nadie".
Asemblea de socios
Todos estes asuntos explicaranse na Asemblea Ordinaria de socios a celebrar na Galicia Palace (20:15 horas do mércores), onde a directiva presentará ademais as contas da pasada tempada e as previsións presupostarias do presente curso.
Alí falarase tamén da retirada de carnés de socios, que non está a levar o ritmo que esperaba a entidade, "la campaña de abonados no va muy bien. El club tiene muchos socios que no han retirado el carnet porque tenían el recibo domiciliado y al estar en concurso no podemos gestionar su cobro. Hay muchos socios que no van a los partidos y mantienen el carnet por cuestiones sentimentales, pero ahora si no van al pabellón es difícil que lo retiren".