Pontevedra dálle ás ao Hispanos camiño a Tokyo cunha prometedora vitoria ante Croacia (34-22)
Por Diego Espiño
Tres anos despois o Pavillón Municipal dos Deportes volveu a acoller un partido da Selección Española de Balonmán. E non unha cita calquera, xa que se trataba dun partido oficial correspondente á xornada 3 da EHF Eurocup 2022, aprazado no seu día. Con todo os Hispanos só teñen ollos agora para a súa inminente participación nos Xogos Olímpicos de Tokyo.
O encontro en Pontevedra era o primeiro test na concentración iniciada nas Rías Baixas para preparar o asalto olímpico, e tiña como rival a unha das seleccións de maior prestixio internacional pero en plena reconstrución, como é Croacia, que se presentou cun equipo moi novo.
No bando español Jordi Ribeira tomou boa nota do sucedido para decidir dentro dunhas semanas a convocatoria definitiva para Xapón, á que só acudirán 14 dos 20 deportistas presentes este domingo en Pontevedra.
A Boa Vila volveu exercer de talismán para a Selección. A súa última visita, co Torneo Internacional Memorial Domingo Bárcenas, supuxo a antesala dun ouro europeo en 2018, e agora o soño é o único gran título que se lle resiste a esta xeración. O primeiro paso desde logo convida o optimismo, cun contundente triunfo (34-22) ante a atenta mirada dos 535 espectadores de aforo máximo cos que contaba o pavillón pontevedrés.
Foi un encontro con dous partes ben diferenciadas. Aos de Jordi Ribeira de feito custoulles desperezarse nos minutos iniciais, nos que a selección balcánica comezou dominando, aínda que da man do local Rodrigo Corrales foron entrando rápido no choque. O gardameta cangués sumaba 5 paradas de 9 lanzamentos no minuto 12 de partido, dando as primeiras vantaxes a España (6-4).
A Selección marcaba a pauta, pero Croacia agarrábase a un marcador que rexistraba un tenteo de 15-13 ao descanso.
Con todo tras o paso polos vestiarios os Hispanos desatáronse sen deixar opción a un rival que tentaba parar a dinámica solicitando dous tempos mortos sen resultado. A renda era xa de +8 (24-16) e seguiuse incrementando ata o final repartindo minutos aos xogadores convocados.
Unha xornada de festa en Pontevedra que só pode mellorarse dunha maneira, brillando nos Xogos.
ESPAÑA (34): Rodrigo Corrales y Sergey Hernández; Eduardo Gurbindo (1), Jorge Maqueda (6), Valero Rivera (6), Dani Sarmiento (2), Julen Aginagalde, Ferran Solé (2), Iosu Goñi (1), Adrià Figueras (6), Joan Cañellas (1), Viran Morros, Aleix Gómez (5), Miguel Sánchez-Migallón (2), Rubén Marchán, Antonio García (2).
CROACIA (22): Car y Slavic; Mileta (2), Nacinovic (3), Sebetic (3), Matanovic (1), Vistorop (1), Ivankovic, Lucin (2), Racic, Jaganjac (2), Ravnic (2), Srna (1), Severec (4), Jelinic (1), Pribetic.
Marcador cada cinco minutos: 2:3, 6:4, 7:6, 11:10, 12:11 y 15:13; 17:14, 20:15, 24:17, 27:20, 29:21, 34:22
Relacionadas:
-
A Selección Española de Balonmán volve a Sanxenxo para a segunda e última fase da súa preparación olímpica
Por Diego Espiño |
-
Os Hispanos inician a súa concentración burbulla en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Esgotadas en poucas horas as entradas para o España-Croacia de balonmán no Municipal
Por Diego Espiño |
-
Oficial: España-Croacia de balonmán o 27 de xuño no Municipal de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra, cuartel xeral dos Hispanos no seu camiño a Tokyo
Por Diego Espiño |