A xira galega de balonmán praia remata esta fin de semana en Marín
Por Redacción
Tras a suspensión con motivo da alta incidencia da covid-19 da penúltima xornada da xira galega de balonmán praia que se ía celebrar en Sanxenxo, chegou o momento da proba Concello de Marín-Copa Xacobeo coa que se pechará esta edición.
En total, hai 63 equipos inscritos, 26 deles femininos, que competirán para proclamarse campións galegos de balonmán praia deste presente ano.
A presentación da competición celebrouse na casa consistorial de Marín, onde participaron o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e do presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, que destacaron que "para a celebración deste evento se extremaron as medidas de prevención anti-covid ante o incremento de casos nestes últimos días e solicitaron ás e aos participantes á máxima responsabilidade nestes complicados momentos".
Así, o xoves disputaron a primeira fase as categorías alevín mixta e infantil, masculina e feminina, mentres que o venres foi o turno da fase previa cadete tanto masculina como feminina.
Por último, o sábado será a quenda do xuvenil e seniors, masculino e feminino en ambos casos e o domingo disputarase a fase final de todas as categorías.