"Excelente balance" do Galaico no Campionato de España Infantil de Sabadell
Por Redacción
O Club Natación Galaico regresou do Campionato de España infantil celebrado en Sabadell con moi boas sensacións.
En primeiro lugar, Gabriela Simón fíxose coa medalla de prata en 100 costas, logrando un tempo de 1.07.84 que supón a nova mellor marca galega de 13 anos.
A nadadora do Galaico quedou a tan só unha décima do ouro, que logrou María Veterkov, do Fuengirola. Terceira foi Laura Revilla, do CN El Valle de Madrid. Gabriela tamén disputou a final das 200 costas na que conseguiu o quinto posto.
Pola súa banda, Pablo Martín tamén nadou as finais de todas as súas probas, obtendo a súa mellor marca persoal nos 400 e nos 800 metros libres cunha sexta e sétima posición respectivamente. Nos 1500 libres clasificouse de duodécimo lugar.
Segundo o club, estes resultados supoñen un "excelente balance" despois do triunfo no campionato galego de verán.
Agora, os nadadores do Galaico prepararanse para a próxima cita, que será do 2 ao 8 de Agosto en Gran Canaria coa celebración do campionato de España Absoluto Junior de Verán.