Hummel seguirá vestindo o Pontevedra un ano máis
Por Diego Espiño
O inicio da pretempada do Pontevedra Club de Fútbol serviu para ver aos futbolistas por primeira vez coa súa nova roupa de adestramento da marca Hummel, coa que o club granate seguirá un ano máis.
A entidade de Pasarón decidiu prolongar por unha campaña o seu compromiso coa marca, tras renovar os equipamentos de toda a súa canteira.
Polo momento só se deu a coñecer a roupa de cor rosa para adestramento, xunto á negra que vestirá o corpo técnico, pero os próximos días espérase poder presentar xa os equipamentos oficiais para a tempada.
Neste sentido, e aínda que se gardan con receo os aspectos relacionadas coas camisetas, espéranse contar con novos elementos e detalles con algunha chiscadela cara á afección e cambios tanto no primeiro como no segundo equipamento. Ademais desde a entidade cren que as elásticas destinadas aos gardametas sorprenderán pola súa orixinalidade.