Longas colas e aforo completo para asistir á estrea do novo proxecto granate en Pasarón
Por Manu Otero
A liga non empezou, o Pontevedra apenas acumula dúas semanas de traballo e un puñado de amigables, pero o novo proxecto granate xa ilusiona. Non fixeron falta grandes fichaxes, nin prometer grandes éxitos, un simple cambio na comunicación coa inchada bastou para espertar da súa hibernación o sentimento granate da Boa Vila. A mostra foron as longas colas para asistir a un partido amigable, o domingo da Peregrina e cun tempo de praia.
Tal é a expectación que levanta este novo curso que na esquina de Preferencia apiñáronse decenas de persoas para conseguir unha entrada e ver en directo a este novo Pontevedra. Pero polo protocolo anticovid, o número de billetes postos á venda era reducido e moi pronto se esgotou o papel deixando, nun primeiro momento, na rúa a case medio centenar de afeccionados.
"No despacho de billetes puxéronse á venda as entradas que o aforo covid permitiría tendo en conta que todos os socios viñesen. Ao chegar a ese límite de entradas, tomamos un momento para comprobar a asistencia dos socios. Ao confirmar que moitos non viñeron, volvemos dar a orde para vender as entradas restantes ata completar o aforo covid", explican desde o club.
Foi por esta razón pola que a venda de entradas detívose durante uns instantes xerando certo malestar entre os afeccionados que esperaban fóra e que acabaron entrando ao estadio co partido empezado. Ademais, a maior parte deles tiveron que ser recolocados na bancada de Tribuna porque o aforo permitido para Fondo Norte completouse.
Desde a entidade deportiva confían en que as ganas por volver gozar do Pontevedra mantéñanse ao longo das próximas semanas e que a campaña de socios, que este ano premia cunha rebaixa aos abonados que renovaron o seu carné a pasada tempada e ofrece facilidades para aqueles afeccionados que non poden asistir aos partidos, sexa un éxito.
Unas 40 personas sin entrada después de 20 minutos de cola. No se podía haber evitado poniendo los abonos a la venta esta semana? O avisando del porcentaje de aforo permitido, al menos. Los errores de siempre que alejan al aficionado de Pasarón @PontevedraCFSAD pic.twitter.com/rxBPIdBAgs
— Borja Abelleira (@BorjaAbelleira) August 8, 2021
Relacionadas:
-
A campaña de abonados do Pontevedra comeza con máis de 200 carnés nunha soa mañá
Por Manu Otero |
-
Ángel Rodríguez: "Hai mozos que veñen poxando forte e vou apostar por eles"
Por Manu Otero |
-
Un Racing de Ferrol máis rodado supera con comodidade a un Pontevedra en construción (1-3)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |