O Arosa recupera o pantalón negro no súa primeira equipación para Segunda RFEF
Por Redacción
O Arosa xa ten novas equipacións para a campaña da súa estrea en 2ª RFEF. A marca GIOS volve vestir ao club vilagarcián por terceiro ano consecutivo. A recuperación do pantalón negro na primeira equipación como gran novidade en substitución do azul, que se usou durante o último lustro e tamén entre os anos 1965 e 1987.
En canto ao deseño, a camiseta principal presenta un degradado de cor por primeira vez na última década e unha marca de auga coas iniciais que ostentaba o primeiro escudo do club que deseñou o pintor vilagarcián Balbino Costa Candamo, e que foi substituído en 1948 polo balón actual do escudo para referenciar ao Arosa a un equipo de fútbol. Mantense nas mangas o lema do club en referencia á súa afección: "Ti pos a paixón, nós a ilusión". E na terminación das mangas hai un ribete negro que lle ofrece un efecto retro inspirado nas camisetas dos equipos ingleses da década dos anos 1980.
En canto ao segundo uniforme volve á cor azul, combinando o mariño cun ton azul máis claro nas mangas. Dúas estreitas liñas vermella e branca atravesan a camiseta en vertical deixando un resultado final que lembra á zamarra do PSG de Leo Messi. O pantalón do segundo equipamento é do mesmo ton azul que as mangas, co número en vermello encima do escudo.
Ademais dos patrocinadores, públicos e privados impresos en diferentes lugares dos equipamentos, a bandeira de Galicia loce na parte superior traseira do pescozo tanto na primeira como na segunda camiseta.
Debido ás diferentes modificacións realizadas no deseño as últimas semanas para acomodar a todos estes patrocinadores, o club espera que os equipamentos non cheguen ata poucos días antes da estrea ligueira do 5 de setembro. Aínda que, todos os afeccionados que queiran comprar tanto a primeira como a segunda camiseta poden facelo desde o vindeiro luns día 16 a través da web do club e tamén nas oficinas da Lomba, previo pago e reserva. O tempo estimado para recibila será aproximadamente de tres semanas unha vez que o club realice o primeiro pedido. Hai un total de cinco tallas infantís e seis de adultos. O prezo das camisetas é de 30 euros.
NOVO PATROCINADOR
A empresa vilagarciá Atlantic Oil Star convértese en novo patrocinador do Arosa SC para esta tempada en Segunda RFEF. O maior operador de produtos petrolíferos de Galicia lucirá na parte traseira da camiseta e será o segundo espónsor privado máis importante do club tras Impex Europa. A directora executiva da firma, Irene Santos, oficializó onte o acordo co presidente Manolo Abalo nas oficinas de Atlantic na rúa Fariña Ferreño durante un almorzo ao que asistiron Rodrigo Lojo e Moncho García, director xeral e vicepresidente do club, e os xogadores Julio Rey e Oumar Sidibé.
Relacionadas:
-
A canteira do Arosa define a súa nova estrutura con mando para David López 'Perú' e Pedro Carregal
Por Redacción |
-
O Arosa cede o seu primeiro empate de pretempada contra o Compostela (1-1)
Por Redacción |
-
O Arosa golea o Céltiga e leva o Trofeo Concello da Illa-Memorial Alejandro García (0-4)
Por Redacción |
-
O Arosa pecha a continuidade do seu patrocinador principal
Por Redacción |
-
O Arosa supera os 300 socios a falta dun mes para o inicio de liga
Por Redacción |
-
O Arosa inicia unha campaña histórica
Por Manu Otero & Cristina Saiz |