Recrean unha réplica xogable do estadio de Pasarón para o videoxogo Pro Evolution Soccer
Por Manu Otero
Moitos afeccionados do Pontevedra e aos videoxogos botan en falta poder xogar co seu equipo favorito nos simuladores de fútbol máis famosos. Nin FIFA nin Pro Evolution ofrecen a posibilidade de xogar con equipos da liga na que milita o conxunto granate, moito menos facelo no seu propio estadio ou cos seus xogadores reais. A única opción para moitos era tirar de editor e crear un equipo o máis parecido posible, ou mesmo con mellores atributos, ao da Boa Vila.
Con todo, desde a páxina PESHistóricos poñen ao dispor de toda a comunidade e de forma gratuíta unha réplica tremendamente fidedigna do estadio de Pasarón. Os interesados en probala só teñen que dispoñer do videoxogos Pro Evolution Soccer en calquera plataforma, descargar o arquivo e instalalo nos seus dispositivos para poder disputar no templo do Lérez unha final da Champions, por exemplo.
"O noso obxectivo que todas as afeccións cuxos equipos estiveron nalgún momento en Primeira gocen do seu equipo neste videoxogo", explican desde PESHistóricos a razón deste lanzamento.
Á recreación do estadio de Pasarón non lle falta nin un detalle, está incluído desde os ocos redondos da fachada das bancadas ou as cores das butacas pasando polo videomarcador dos fondos, o túnel de vestiarios, as torres de iluminación e mesmo a publicidade.
Después de mucho trabajo, compartimos el Estadio Pasarón para nuestros seguidores de #PC.
— PES Históricos (@HistoricosPes) August 15, 2021
Precioso estadio el del @PontevedraCFSAD.https://t.co/x7InPjCCta
Y como extra, 3 kits retro de @87_guardian.#eFootballPES2021 @pesgalicia @pontevedraplay @PontevedraCF #HaiQueRoelo pic.twitter.com/QdAV1CFfKt
Ademais, a páxina ofrece tamén a posibilidade de completar a descarga con tres kits retro de equipacións do Pontevedra elaboradas polo usuario Pirulete87. Trátase dos equipamentos do ano 1954, con pantalón branco e medias a raias vermellas e brancas; así como a do 1956, moito máis parecida á actual.
Co lanzamento da nova tempada, PESHistóricos informa os seus seguidores que desenvolverá un novo parche da categoría 2ª RFEF cos datos e planteis de todos os equipos actualizados, polo que, aínda que sexa grazas ás achegas dos usuarios, os afeccionados da escuadra granate poderán converterse en xogadores do Pontevedra e meter goles en Pasarón.
O de Pasarón é o segundo estadio que recrean os editores de PESHistóricos, o primeiro foi O Plantío do Burgos, que este ano si será incluído nos produtos comerciais polo ascenso do equipo a Segunda División. Para continuar con este labor e poñer estas xoias de forma gratuíta ao dispor dos xogadores e os afeccionados, piden desde a páxina "apoiar este proxecto cunha pequena doazón para poder custear os moitos aínda que pequenos gastos que conleva a edición".
Relacionadas:
-
Un videoxogo feito en Pontevedra achegará a problemática do cambio climático no medio mariño
Por Redacción |
-
Gaming na Rúa achega a cultura do videoxogo a Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra estreará en decembro o seu propio evento 'gamer'
Por Alejandro Espiño |
-
Casting para ser "A Voz" de Pasarón
Por Manu Otero |
-
VÍDEO.- 'Todo ao Granate', campaña de socios do Pontevedra CF con rebaixa xeneralizada de prezos
Por Diego Espiño |