O partido contra o Dépor será unha oposición para ser titular no Pontevedra
Por Manu Otero
O Pontevedra afronta este sábado en Ordes o exame máis difícil da pretemporada. Os de Ángel Rodríguez enfróntanse a partir das 19 horas na localidade coruñesa ao Deportivo co obxectivo de "mostrar unha cara mellor e máis seria, achegándonos á competición".
O propio adestrador concibe este encontro como unha proba de lume para algúns dos xogadores que non teñen aínda asignado o seu rol no primeiro equipo. "Eu se fose xogador teríao claro, se me dan a posibilidade de xogar teríame que entregar coma se fose un partido de competición para demostrar que quero estar no once", reta Rodríguez aos seus. De feito, na propia rolda de prensa previa ao choque xa recoñeceu ter claro o equipo titular, que servirá para ver "xogadores en determinadas posicións e que me teñen que dar un rendemento para obrigarme a velos nun once inicial".
Sobre o encontro, o técnico leonés é consciente de que o Deportivo "nos vai a poñer por momentos en apertos", pero espera que "nós podamos facer tamén o mesmo".
Aínda que non o asegurou, o duelo deste sábado podería ser o primeiro no que a dupla atacante que forman Rufo e Charles volvan coincidir sobre o céspede. Sería a primeira vez desde que Ángel Rodríguez é adestrador do Pontevedra. "Creo que todos os bos xogadores poden xogar xuntos", sostén antes de puntualizar que "hai sistemas que requiren máis dun nove que de dous. A ver como afrontamos o partido, pero estou convencido de que Charles e Rufo son complementarios e poden xogar en calquera momento xuntos", resolve.
O que si que vai dispoñer de minutos é o lateral Diego Seoane, que segue recuperándose da lesión sufrida no primeiro partido de pretemporada e que lle impediu participar no resto de amigables disputados ata a data. "Mañá terá minutos", afirma Rodríguez matizando que "vai crecendo en aspecto físico, as súas sensacións son boas, pero non hai que forzar".
Sen desvelar o once, si que deixou claro que os mozos volverán ter protagonismo non só no duelo contra o Deportivo, senón ao longo da tempada. "Hai xogadores que van crecer moito este ano se están en dinámica de primeiro equipo. Eu sempre dixen que son un apaixonado de sacar xente de abaixo e hai tres ou catro xogadores que teñen condicións, veremos nos próximos meses a súa evolución", confesa o preparador poñendo como exemplo a Jacobo, de só 17 anos.
Neste sentido, Ángel Rodríguez non ten présa por adxudicar as tres prazas sub 23 que aínda están libres no primeiro equipo. "Quédannos dúas semanas máis", argumentou, antes de pedirlles que "non queden só coa idea de adestrar no primeiro equipo, se adestran connosco é para competirlle o posto a calquera e poñerlle as cousas difícil ao adestrador".
Relacionadas:
-
Un Pontevedra de dúas caras cae contra o Deportivo en Vista Alegre (3-2)
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra precisa un "líder" no centro do campo para pechar o plantel
Por Manu Otero |
-
Ángel Rodríguez pide máis aos seus: "Hai que mellorar moitísimo"
Por Manu Otero |
-
Gol de Álex González e dobrete de Oier Calvillo para dar o triunfo o Pontevedra sobre o Juvenil de Ponteareas (0-3)
Por Redacción |
-
Segunda vitoria da pretempada para o Pontevedra ao superar ao Racing Villalbés na recta final (3-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Un Racing de Ferrol máis rodado supera con comodidade a un Pontevedra en construción (1-3)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |