O Pontevedra precisa un "líder" no centro do campo para pechar o plantel
Por Manu Otero
"Quero unha fichaxe para o medio do campo. Alguén que teña ida e volta e estea maduro na categoría, que sexa un xogador importante. Non que veña a competirlle o posto a ninguén, senón que viñese coa bitola de líder, con voz e voto dentro do campo". É a petición do adestrador do Pontevedra, Ángel Rodríguez, ao director deportivo, Toni Otero, para as últimas semanas do mercado de fichaxes.
O equipo granate ten libre unha ficha sénior e tres sub 23, pero o técnico leonés confórmase cunha soa fichaxe. Iso si, ten que ser "un xogador consolidado e que poida marcar diferenzas", demanda o preparador.
Con todo, Rodríguez está disposto a esperar ata o último minuto de mercado para facerse con esa peza que lle falta para facer un Pontevedra máis competitivo. "Díxenlle a Toni que non teña présa. É unha ficha que temos que cubrir moi ben porque temos necesidade. Hai que ter paciencia, queda moito tempo de mercado e non nos podemos equivocar", explica.
O xogador elixido ten que ser un futbolista con presenza en ambas as áreas e fortaleza no centro do campo, que é a carencia máis grave que detectou o adestrador o o primeiro equipo durante as primeiras semanas de preparación. "Sería un box to box, que teña músculo, que non fuxa dos contactos e que gañe os duelos no medio do campo porque creo que é algo que nos falta e viríanos moi ben", resolveu.
Doutra banda, descartou acudir ao mercado para completar algunha das tres fichas sub 23 dispoñibles. "A intención é enchelas con xente da casa", pero advirte que é preciso darlles tempo para que gañen peso no primeiro equipo porque están en fase de formación aínda. "Os que máis están a achegar aínda necesitan un proceso de adaptación, porque o salto de categoría é grande", puntualiza o preparador para quitar presión aos canteiráns que queden con esas tres fichas do primeiro equipo.
Relacionadas:
-
O Pontevedra finaliza a pretempada con vitoria sobre o Verín (0-4)
Por Almu Dapena |
-
A fichaxe dun mediocentro para o Pontevedra, en punto morto
Por Manu Otero |
-
Un Pontevedra de dúas caras cae contra o Deportivo en Vista Alegre (3-2)
Por Almu Dapena |
-
O partido contra o Dépor será unha oposición para ser titular no Pontevedra
Por Manu Otero |
-
O lateral esquerdo Samu Araújo, sorpresa no adestramento e oitava fichaxe do Pontevedra
Por Diego Espiño | Creada e actualizada