Ángel Rodríguez: "O resultado é o de menos, vexo ao equipo moito mellor"
Por Manu Otero
O Pontevedra caeu pola mínima este sábado contra o Deportivo no amigable máis esixente que tiña planificado o club no seu calendario de pretemporada. A pesar da derrota, o técnico granate mostrouse satisfeito polo mostrado polos seus xogadores durante os noventa minutos. "Vin cousas moi boas, o resultado é o de menos", dixo Ángel Rodríguez.
Para o preparador, os goles recibidos son froito de erros individuais "que non podiamos cometer", admite restando importancia a estes fallos. "Eles querían roubar e correr e erros na toma de decisións afectaron ao colectivo", argumenta.
Durante os noventa minutos, Rodríguez volveu conceder minutos aos máis novos co xuvenil Jacobo López e Miguel Román, os dous sub 23 máis utilizados polo técnico nesta pretemporada, novamente no once inicial. E aínda que, especialmente no caso do lateral López, non ofreceron a súa mellor versión, o adestrador está satisfeito co traballo e a evolución de todo o equipo.
"Gústanos crecer como equipo, demos un paso moi importante. Vexo ao quipo moito mellor e no camiño. En liga será todo distinto", resolveu esperanzado e optimista Rodríguez.
O próximo partido será este mércores en Vilalonga contra o equipo local a partir das 20.30 horas