Medio centenar de pescadores á caza do peixe máis gordo en San Vicente
Por Redacción
A praia da Barrosa, en San Vicente, será escenario este domingo da vixésimo terceira edición do campionato de pesca submarina que organiza cada ano o club Sotavento. A actividade comezará ás 8.30 horas coas inscricións, para lanzarse daquela todos os participantes á auga desde a area. Ao finalizar o tempo de pesca, todos os pescadores compartirán un tempo de descanso degustando un bocadillo. Pola tarde, a partir das 16.30 horas, terá lugar a pesada das capturas e entrega de premios aos gañadores.
A principal novidade deste ano é a inclusión por primeira vez da categoría feminina, na que xa confirmaron a súa participación cinco mulleres. Desde o club, estiman que a participación total no campionato, ao que acoden tamén pescadores de fóra de Galicia e grandes figuras desta disciplina a nivel nacional, situarase entre as 40 e 50 persoas.
A organización premiará aos tres mellores pescadores de cada unha das categorías e entregará un trofeo especial ao deportista que capture a peza máis pesada.
"É un clásico, non hai verán sen torneo de pesca submarina", confesou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, durante a presentación este mércores do campionato.