O Cisne busca abono para seguir crecendo
Por Manu Otero
O Dicsa Modular Cisne presentou este venres a súa campaña de socios para a tempada 2021/2022 na que o primeiro equipo competirá en División de Honra Prata despois do descenso desde liga Asobal. Baixo o lema "Co teu abono seguiremos crecendo", o club pide o apoio da afección e de toda a cidade para seguir coidando unha canteira que, ademais de nutrir ao primeiro equipo, non deixa de sumar éxitos como o último campionato de España xuvenil ou o bronce obtido por tres xuvenís brancos no Europeo celebrado recentemente en Croacia.
Na presentación da campaña, á que os interesados xa poden subscribirse a través da páxina web do club, o presidente da entidade, Santi Picallo, confirmou que os mozos da casa van seguir tendo asegurado o seu posto no primeiro equipo e que afrontan esta campaña coa "máxima ilusión".
O club mantén a mesmas opcións que o ano pasado para facilitar a captación de abonados. Así os novos socios poden elixir entre carné adulto (90 euros), familiar (180 euros), xubilados (50 euros), universitario (40 euros), xuvenil (30 euros) ou simpatizante (30 euros). Polo descenso de categoría, os prezos reducíronse en 5 euros e as familias de xogadores da base terán tamén un desconto no abono familiar.
No curso pasado o club contou co apoio de 637 socios nunha campaña marcada pola pandemia e as restricións aos recintos deportivos, por iso, a pesar do descenso, Santi Picallo é optimista e espera que a cifra se manteña.
No plano deportivo, o plantel atópase xa pechado á espera da chegada do pivote ucraíno Yevhen Lysak, pendente dos últimos trámites administrativos para poder trasladarse a España. Sobre o obxectivo da nova tempada, o club foxe do cartel de favorito que lle reporta ser un dos descendidos desde liga Asobal. "O principal é salvarse", sostén Picallo, mentres que o adestrador Jabato pon o foco en "tres ou catro equipos" que se reforzaron moi ben, pero "nós tamén temos as nosas armas", rematou.
RECEPCIÓN NA DEPUTACIÓN
Os xogadores Daniel Virulegio, Carlos Álvarez e Pablo González, así como o adestrador e seleccionador xuvenil Javier Fernández, Jabato, foron recibidos este venres na Deputación polo deputado de Deportes, Gorka Álvarez. No encontro, o socialista felicitou aos deportistas polo éxito cultivado no último Campionato de Europa Xuvenil, no que España conseguiu a medalla de bronce.