O Pontevedra finaliza a pretempada con vitoria sobre o Verín (0-4)
Por Almu Dapena
O Pontevedra Club de Fútbol finalizou da mellor maneira a fase de preparación cara ao comezo de liga. O equipo adestrado por Ángel Rodríguez visitou ao Verín para disputar o encontro de celebración do 50 aniversario do equipo ourensán, ao que venceu grazas aos goles de Martín Diz, Rufo, Oier Calvillo e Jaichenco.
Os granates fixeron valer a súa condición de equipo de superior categoría dominando desde o asubío inicial, pero non foi ata alcanzado o minuto 20 cando se adiantaron. Romay filtrou un pase ás costas da defensa local e Martín Diz tocou o xusto para enviar o balón á rede.
Despois do gol, o Pontevedra seguiu tendo o control do partido pero non foi capaz de xerar claras ocasións ata pasado o tempo de descanso, momento que aproveitou Ángel Rodríguez para mover ficha. Martín Diz e Pablo Cacharrón quedaron no banco e entraron no seu lugar Oier Calvillo e Álvaro Cortés.
O Pontevedra gustábase e conseguía chegar con mellor claridade á área rival, enviando balóns a un Rufo que foi o máis listo dentro da área do Verín cando no minuto 58, aproveitou un barullo nas filas locais para anotar a segunda diana do seu equipo. Pouco despois, o técnico granate deu entrada a Santi Figueroa, Pacheco, Jaichenco e Jacobo López, que substituíron a Seoane, Samuel Santos, Soto e Álex González.
Os erros sucedíanse un tras outro no campo ourensán, chegando a cometer penalti sobre Diego Seoane. Oier Calvillo, moi decidido, dispúxose a lanzar desde os once metros e, enganando ao porteiro local, sentenciaba a vitoria para o Pontevedra marcando o 0-3.
Pero a goleada non quedou aí. O canteirán Jaichenco, un habitual goleador nos partidos de pretemporada, sumouse á festa anotando un golazo por encima do gardameta do Verín, deixando visto para sentenza o duelo.
Finalmente, 0-4 para un Pontevedra que parece que puíu erros para gol nesta última semana e afronta en boa forma a primeira semana de tempada.
A próxima fin de semana o equipo granate recibirá en Pasarón ao Compostela, primeira pedra no camiño polo ascenso.
Relacionadas:
-
Ángel Rodríguez: "Teño un plantel bo e un once titular moi competitivo"
Por Manu Otero |
-
Álex González: "Aínda nos faltan por puír moitos detalles, pero estamos preparados"
Por Manu Otero |
-
Ofrenda floral para recuperar a categoría
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O Pontevedra vai con "vento en popa" para afrontar o último test de pretempada
Por Manu Otero |
-
A fichaxe dun mediocentro para o Pontevedra, en punto morto
Por Manu Otero |
-
Ángel Rodríguez resta importancia á goleada e ve ao equipo cada vez máis "afinado"
Por Manu Otero |
-
Festín goleador do Pontevedra en Vilalonga (1-8)
Por Manu Otero |
-
Ángel Rodríguez: "O resultado é o de menos, vexo ao equipo moito mellor"
Por Manu Otero |
-
Un Pontevedra de dúas caras cae contra o Deportivo en Vista Alegre (3-2)
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra precisa un "líder" no centro do campo para pechar o plantel
Por Manu Otero |