O primeiro raid hípico de Cuntis coroará o domingo ao campión galego
Por Redacción
O club hípico Os Arrieiros organiza este domingo o primeiro Raid Hípico de Cuntis. Trátase dunha proba de resistencia equina con saída desde a área fluvial dos Albariños para percorrer 80 quilómetros na categoría máis esixente, aínda que haberá percorridos máis alcanzables de 60 e 40 quilómetros.
En colaboración co Concello de Cuntis, a organización xa ten pechada a participación de 35 xinetes, entre eles un procedente de Asturias. Na competición, o gañador non será o cabalo máis rápido, senón o primeiro en chegar a meta e que o faga en mellor estado. De feito, a organización entregará a un trofeo ao cabalo que presenta unha mellor condición física.
A competición constará de tres probas. Unha na que o gañador se fará co campionato galego despois de completar os 80 quilómetros de percorrido. Os menos preparados poden participar na proba de 60 quilómetros ou na de 40 quilómetros, denominada de promoción. En todas elas, a velocidade dos cabalos estará controlada.
As saídas para cada unha das categorías están previstas para as 8.15, 9.15 e 9.45 horas desde a zona dos Albariños. Os xinetes terán asistencia en dous puntos: a igrexa de Estacas e a de Portela. O trazado discorre por tramos forestais de Magán, Gontade, Vilameán, Toxeira, Couselo e Montesandeu.