Ángel Rodríguez: "Teño un plantel bo e un once titular moi competitivo"

Por Manu Otero
O Pontevedra inicia este domingo, ás 18 horas en Pasarón fronte ao Compostela, unha nova tempada. Despois de cinco semanas de pretemporada e unha profunda reestruturación do plantel, o corpo técnico e a dirección deportiva, o cadro granate está listo para comezar a carreira por ascender a 1ª RFEF. "Estamos preparados e concienciados. É unha semana importante e é o que estabamos a esperar", dixo o adestrador Ángel Rodríguez na rolda de prensa previa ao partido.
O técnico poderá contar con todos os seus xogadores, salvo con Rufo que debe cumprir un partido de sanción ao ver a quinta amarela na última xornada da pasada liga. "Está sancionado e ten que esperar unha semana máis para pelexar polo posto. O que salga ten que facelo ben, gañarse o posto e non ceder o sitio a ninguén", reta o preparador aos seus futbolistas.
Un dos que podería ocupar o seu lugar é Martín Diz, de cuxo rendemento está satisfeito o técnico. "Todos se gañaron un sitio no once, teño 22 figuras. Un día tocaralle a Martín, outro a Oier, Rubio, Álex, Charles, Rufo... Martín é un xogador que está a mellorar moito e ten que seguir mellorando. Terá momentos de titular e momentos nos que terá que esperar, como todos. Vai haber moitas rotacións neste equipo", anuncia.
Sen o máximo goleador do equipo, Rodríguez xa sabe que once sairá o domingo a Pasarón. "Teño claro quen vai xogar e case os cambios", afirma o leonés sen querer desvelar os nomes que compoñerán a súa primeira aliñación, aínda que dá unha pista: "creo que vai gustar ao afeccionado".
Sobre o rival, que como o Pontevedra presenta moitos cambios con respecto ao curso pasado, o adestrador prefire gardar silencio. "Do Compostela sabemos moitas cousas de porta para dentro. Van seguir cunha mesma filosofía de xogo pero non quero descubirir todo o que coñezo do contrario. Son bastante pechado para isto", recoñece.
Aínda así, confesa Ángel que espera atoparse cun rival "que vai ter un bo manexo de balón", pero tamén advirte que en fronte estará un Pontevedra "con moita intensidade, bo manexo de balón e que vai ir a por o partido desde o minuto uno. Vai ser un partido bonito", augura.
Un factor diferencial será debutar como local. "Empezar gañando en Pasarón sería a clave e o máis bonito. Primeiro partido de liga e primeira vitoria sería o ideal. Que todo fose ben, que sexa unha comuñón coa afección, que se envorque co equipo e que todo vaia así durante moito tempo. Pero a tempada é moi longa e haberá momentos bos e menos bos. Neses esperemos ter á xente do noso lado, que nos bote unha man porque sempre fan falta", pide á afección.
Outro dos cambios con respecto á pasada tempada é que, unha vez máis, o Pontevedra volve cambiar de banco. Luisito prefería estar lonxe do asistente, mentres que Ángel prefire telo preto. "Gústame estar á beira do liña. E non é o mellor para min porque non adoito estar calado e nalgunhas decisións que toman non estou de acordo. Ás veces preferiría estar do outro lado, pero entendo que ese ten que ser o noso banco", explicou.
PROCURA DUN MEDIOCENTRO
O mercado de fichaxes pechouse e o centrocampista todoterreo que pediu Ángel non chegou. Con todo, o director deportivo, Toni Otero, continúa peiteando o mercado de xogadores libres para reforzar o plantel. "Temos unha ficha para cubrir en calquera momento. Non podemos precipitarnos e traer a un xogador ao que o club non poida chegar no aspecto económico. Eu non teño présa, necesito un futbolista nesa posición e terémolo. Senón é agora será máis adiante", resolveu.
Tampouco considera Ángel Rodríguez que teña un plantel curto a pesar da escaseza de efectivos no centro do campo. "Teño un plantel bo, un once titular moi competitivo con xente fóra que vai empuxar e facer que a xente que estea a xogar non se durma porque hai posicións que están moi ben dobradas e vainos a permitir rotar", rematou o preparador.
Relacionadas:
-
Toni Otero recoñece que o Pontevedra tentou fichar a Bicho e Mohedano: "Pelexouse por eles e non puido ser"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra deixa escapar ante o Compostela o triunfo que mereceu na primeira parte (1-1)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O Pontevedra reforza o seu centro do campo coa fichaxe de Yelko Pino
Por Redacción |
-
Álex González: "Aínda nos faltan por puír moitos detalles, pero estamos preparados"
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra adxudica a Pablo López, Miguel Román e Iñaki as tres fichas sub 23 dispoñibles
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra finaliza a pretempada con vitoria sobre o Verín (0-4)
Por Almu Dapena |
-
A fichaxe dun mediocentro para o Pontevedra, en punto morto
Por Manu Otero |