Pablo Dapena e Saleta Castro, "con ganas" de dar a batalla no Mundial de longa distancia de Almere
Por Diego Espiño
Máis de dous anos despois do inesquecible ITU Multisport de Pontevedra, que reuniu na Boa Vila os campionatos do Mundo cinco especialidades do tríatlon, a localidade de Almere, nos Países Baixos, toma a remuda coa que será igualmente una das citas do ano para o tríatlon pontevedrés.
Alí estarán dous deportistas locais como Pablo Dapena e Saleta Castro dispostos a dar batalla no Mundial de tríatlon de longa distancia, sendo as principais bazas nacionais da especialidade.
Dapena, campión mundial en 2018 e subcampión en 2019 competindo na casa, preparou a conciencia a cita, na que parte como un dos aspirantes aos primeiros postos. Non será con todo unha tarefa sinxela, empezando porque a carreira disputarase en distancia 'full', a mesma que os Ironman con 3,9 quilómetros de natación, 180 de ciclismo e un maratón final a pé (42,2 quilómetros). Será a segunda ocasión que o pontevedrés afronte tal reto, tras Madrid 2018, nunha cita que ademais pode consolidarlle á fronte do ranking World Bonus da franquía Challenge Family.
"É o primeiro full que preparo conscientemente. Hai moito traballo detrás e as sensacións polo menos son que o traballo está feito", recoñeceu a PontevedraViva o triatleta a poucas horas de poñer rumbo aos Países Baixos.
Pablo Dapena: "É un Mundial, é moi esixente e o nivel vaino facer moi grande"
"É un Mundial, é moi esixente e o nivel vaino facer moi grande", recoñece sinalando como gran perigo a xente como o estadounidense Andrew Starykowicz, o sueco Jesper Svensson ou o seu compañeiro de equipo Kristian Høgenhaug (Dinamarca): "Son moi rodadores e eu parto con ese déficit, pódenme meter tranquilamente unha malleira na bici, pero cada un xoga as súas bazas, e tentará facer o que poida para sacar o mellor de si", avanza.
O percorrido, completamente chairo tanto na bicicleta como na carreira a pé, será un dos condicionantes mirando especialmente á posibilidade de que sopre vento e porque "aquí o plano é complicado adestralo", sinala un Dapena que a pesar de todo asegura chegar "con ganas".
En Almere, e como única representante española na súa proba, estará tamén Saleta Castro, no seu caso cun obxectivo claro: "A ver se melloro o meu posto de Pontevedra, que fun novena. Vou tentar pelexar polo top-8", asegura.
Saleta Castro: "Vou con moitos nervios, coma se fose a miña primeira carreira, pero con moitas ganas"
"O meu estado de forma é moi bo. Prepareino durante todo o verán en Pontevedra", explica Saleta tras unha preparación guiada polo seu novo adestrador, Víctor Arroyo, e tras superar unha pequena caída hai poucas semanas.
"Estou moi motivada e con moitas ganas porque é o primeiro Ironman despois do covid, o último foi en Frankfurt onde quedei quinta en 2019. Vou con moitos nervios, coma se fose a miña primeira carreira, pero con moitas ganas", explica a pontevedresa.
Para ela "a priori as rivais fortes son as danesas Michelle Vesterby e Camilla Pedersen, e logo está a francesa Manon Genet que foi cuarta en Pontevedra", sinala aínda que sen querer mirar moito ao resto de competidoras, porque "eu teño que facer os meus números e se todo sae ben espero estar a pelexar aí ".
O Campionato Mundial de Tríatlon de Longa Distancia de Almere disputarase o vindeiro domingo 12 de setembro con saída ás 7.00 horas da mañá para os profesionais de categoría masculina e ás 7.05 horas para as de categoría feminina.
Relacionadas:
-
Saleta Castro busca nos Dolomitas o cetro europeo de tríatlon cros
Por Manu Otero |
-
O sexto posto no Mundial coloca a Pablo Dapena segundo na loita polo World Bonus da franquía Challenge
Por Diego Espiño |
-
Sexto posto para Pablo Dapena e oitavo para Saleta Castro no Mundial de longa distancia de Almere
Por Almu Dapena |
-
Pablo Dapena e Anneke Forrest, gañadores da XX edición do trofeo Ciudad de Pontevedra de tríatlon
Por Mónica Patxot & Almu Dapena |
-
Pablo Dapena chega ao ecuador da tempada cun bronce no Challenge Gdansk
Por Almu Dapena |
-
Cuarto posto para Pablo Dapena e catorce para Saleta Castro no Challenge ST Pölten
Por Almu Dapena |
-
Pablo Dapena, á fronte do World Bonus da franquía Challenge tras o seu segundo posto en Italia
Por Diego Espiño |
-
Os campións mundiais do ITU Multisport de Pontevedra manterán o seu título ata 2021
Por Diego Espiño |
-
VÍDEO.- Pontevedra explota de xúbilo co ouro mundial de Gómez Noya e a prata de Pablo Dapena
Por Diego Espiño & Xan Xiadas |