A Fracha inaugura este domingo o seu circuíto para disciplinas gravity de BTT
Por Redacción
A iniciativa dun grupo de ciclistas, co apoio do Concello de Pontevedra e da Comunidade de Montes de Marcón, farase realidade este domingo 12 de setembro coa apertura na Fracha dun circuíto para disciplinas gravity de BTT.
O proxecto, integrado dentro do Parque Forestal da Fracha, contará con tres rutas de diferente dificultade (amarela, laranxa e vermella).
Este nivel de dificultade vén definido pola velocidade do ciclista, xa que este recinto pretende ser unha área de aprendizaxe para as escolas ciclistas e para tódalas persoas que desexen mellorar a súa técnica no descenso, enduro e 4x na bicicleta de montaña.
Trátase, asegura o goberno local, dunha actuación respectuosa coas plantacións e o terreo no que se habilitaron peraltes, cambios de sentido e descensos de entre 700 e 1.400 metros.
Na parcela na que se atopa acometeuse ademais unha repoboación de especies autóctonas como carballo, castiñeiro e bidueiro.
Está previsto que este domingo asistan á zona á primeira hora da mañá o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Montes, Alberto Oubiña; o presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Iván Pérez; o presidente da Comunidade de Montes de Marcón, Óscar Coto; e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz. Ademais organizouse unha reunión aberta con Eva Castro e Toni Ferreiro, ciclistas elite de BTT, que probrarán o circuíto e compartirán experiencias.
A partir dese momento o novo circuíto de descenso BTT quedará aberto ao dispor de todo o mundo.