En marzo de 2020 a Liga de Veteranos sufriu a mesma suspensión que o resto de campionatos de fútbol e tivo que aplicar ascensos ou descensos acordes coas clasificacións daquel momento. Tras aquel parón pandémico, o próximo 16 de outubro retómase a competición "si ou si, iso témolo claro, non podemos permitirnos o luxo de parar outro ano máis". Así o manifesta neste podcast de PontevedraViva Radio, José Manuel Fernández Rodríguez, vicepresidente daRFGF.
Durante este mes de setembro os equipos teñen prazo para formalizar as inscricións, que é obrigatoria e non automática como sucedía ata o de agora. Este punto é unha das novidades que trae a tempada 2021-22 de Veteranos por acordo da Federación Galega de Fútbol e polas condicións sanitarias da covid-19.
Esta Liga en Galicia supera os 400 equipos, o que significan máis de 9.000 licenzas. De toda a Comunidade galega, a de Pontevedra é a máis numerosa, con 111 equipos - segundo datos da última convocatoria - e preto de 3.000 futbolistas.
A tesitura pandémica conleva que a Federación deseñase un protocolo que vai desde os requisitos que cada participante debe cumprir para saír ao campo, ata o uso dos vestiarios ou a entrada de público e que explica punto a punto José Manuel Fernández neste Cara a cara. Un procedemento que está a concentrar o maior número de preguntas que os equipos están a trasladar á Federación.
Fernández anima a que equipos e xogadores retomen a competición e engade que "o futbolista veterano ten unha filosofía moi diferente ao que xoga case por profesión. É un afeccionado que ten interese en seguir xogando e a pesar da pandemia quere retomar os hábitos que tiña".