As probas a Samu Araújo confirman unha sobrecarga muscular
Por Diego Espiño
Boas novas para o Pontevedra Club de Fútbol tras as probas médicas ás que someteu Samu Araújo tras retirarse con molestias durante o partido do pasado domingo en Móstoles.
O lateral zurdo foi cambiado por problemas físicos nun abdutor, apuntando a primeira exploración cara a unha posible sobrecarga muscular.
Ese diagnóstico foi confirmado agora polos servizos médicos do club, asegurando que "se descartan alteracións musculares estruturais definitivas e presenza de hematomas".
Desta forma aínda que Samu "seguirá tratamento médico e rehabilitador", desde o Pontevedra esperan "unha boa evolución nos próximos días".
Desa evolución dependerá por tanto a súa presenza no próximo encontro ligueiro, o vindeiro domingo (17.00 horas) en Pasarón fronte ao Leganés B, unha cita para o que non está descartado.