O campo de tiro de Cernadiñas Novas acolle o XII Trofeo Cidade de Barcelos de Armas Históricas
Por Redacción
Tiradores de toda Galicia e de Portugal especializados no manexo de armas de avancarga participarán o sábado 25 de setembro no Campo de Tiro de Cernadiñas Novas no XII Trofeo Cidade de Barcelos de Armas Históricas.
A cita, organizada polo Club de Tiro Olímpico Cernadiñas Novas en colaboración coa Concellería de Deportes de Pontevedra e a Federación Galega de Tiro Olímpico, disputarase en tres categorías: Kuchenreuter, Mariette e Vetterli.
Este trofeo creouse nunha iniciativa do Club de Tiro Fervença como "unha actividade conxunta para celebrar a irmandade entre Barcelos e a nosa cidade, unha idea que vimos con moi bos ollos: celebrar unha tirada anual que tería lugar o 1º de maio en Barcelos que se denominaría Trofeo Cidade de Pontevedra e que, á súa vez, tería a súa réplica no mes de setembro con outra tirada que sería o Trofeo Cidade de Barcelos", explicou na presentación do evento Antonio Escudero, presidente do club de tiro pontevedrés.
Trátase dunha modalidade de tiro na que, polo tipo de arma empregada, "o tirador debe preparar o seu disparo cargando a pólvora e a bala, require dunha especialización moi grande. Por este motivo, non hai un grande número de tiradores en avancarga. É unha modalidade romántica, con moito encanto", completou Escudero sinalando que a previsión é poder contar con algo máis de 30 tiradores en competición.
Na presentación do evento estiveron presentes entre outros tamén o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; Francisco Rocha como representante da Cámara Municipal de Barcelos; e o presidente do Club de Tiro Fervença, Eduardo Gayo.