O Pontevedra recibe o Leganés B coa dúbida de Samu Araújo e o deber de "mellorar nas dúas áreas"

Por Diego Espiño
Conseguir un triunfo para terminar de despegar en liga é o obxectivo dun Pontevedra Club de Fútbol que tras dous empates iniciais recibe este domingo (17.00 horas) o Leganés B no Estadio Municipal de Pasarón.
A pesar de ter os dous encontros na súa man para saír vitorioso, os granates non coñecen a vitoria na liga, e iso é algo que quere cambiar desde xa un Ángel Rodríguez que ten clara a receita para conseguilo: "Debemos mellorar nas dúas áreas, porque estamos a ter varias opcións de facer gol e conseguímolo á cuarta ou quinta, e logo non podemos conceder os goles que concedemos, son erros individuais", explica.
O técnico, que este venres compareceu en rolda de prensa, mantivo a dúbida sobre a presenza na convocatoria de Samu Araújo, que se recupera dunha sobrecarga muscular no abdutor. "Teño varias opcións decididas se non chega Samu, e calquera delas convénceme", asegurou ante os medios de comunicación.
Outra das incógnitas será unha semana máis a formación ofensiva, ante o bo momento de Charles e o gran rendemento de Rufo en Móstoles a pesar de partir do banco. "O importante é que cada un que estea no equipo senta titular", sinalou respecto diso.
Rodríguez asegura de todos os xeitos que está "contento porque o equipo evoluciona, vai mellorando", esperando que iso se traduza en conseguir os tres puntos en xogo.
En canto ao adversario, visitará Pasarón un rival que "como todos os filiais é alegre, ten ida e volta e xoga cun ritmo alto". Ademais "está ben traballado e seguramente vai poñer as cousas complicadas, pero esperemos que salga a mellor versión do Pontevedra", defendeu o adestrador granate.
O colexiado do encontro será o asturiano Enrique Gao Aladro, colexiado que dirixiu tres choques en Pasarón con resultado de derrota pontevedresa na 17-18 ante o Atletico B, empate un curso despois fronte ao Internacional de Madrid e triunfo a pasada campaña contra o Salamanca CF UDS.
Relacionadas:
-
O Pontevedra inmólase e cae contra o Leganés B (1-2)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
As probas a Samu Araújo confirman unha sobrecarga muscular
Por Diego Espiño |
-
Rufo renova co Pontevedra ata 2024
Por Diego Espiño |
-
Pendentes do abdutor de Samu Araújo
Por Diego Espiño |
-
Un gol do Móstoles no 92 bota por terra a remontada do Pontevedra (2-2)
Por Diego Espiño |