Medalla de prata para Antía Jácome no Campionato do Mundo Sprint de Copenhague
Por Almu Dapena
E por fín chegou a medalla mundialista para Antía Jácome. A padeeira da EP Ciudad de Pontevedra, que se xogaba a súa última baza este domingo no Mundial que se está disputando en Copenhague, non defraudou e mellorou o seu quinto posto dos Xogos Olímpicos de Tokyo para facer historia e proclamarse subcampioa do mundo en C-1 200 metros. Ademais, en C-2 Mixto 200 metros, proba na que competiu con Joan Moreno, quedou ás portas do podio cunha cuarto posición.
A xornada final do Campionato do Mundo Sprint arrincou da mellor maneira para o piragüismo pontevedrés pero en especial para unha insaciable Antía Jácome, que segue derrubando obstáculos e superándose día a día.
Aínda que na xornada do sábado non chegaron os resultados esperados ao conseguir un oitavo posto no C-2 500 metros onde competiu coa marinense Antía Otero, o domingo si que chegou o ansiado metal.
Ás 11:03 horas soou a bucina de saída en Copenhague. Jácome, situada en rúa seis, tiña por diante 200 metros que percorrer e aos seus lados grandes competidoras como a canadense Katie Vicent ou a polaca Dorota Borowska.
Pero a pesar do nivel das rivais para bater, á pontevedresa non lle tremeu o pulso e mellorou con fartura o tempo logrado en Tokyo, superando a súa propia marca pasando dos 47.226 segundos dos Xogos Olímpicos aos 46.79 que valen unha prata mundialista. Finalmente, o ouro foi para Katie Vicent (46.52) e o bronce para Dorota Borowska (46.90).
Pola súa banda, no C-2 Mixto 200 metros no que competiu co balear Joan Moreno, a padeeira da EP Ciudad de Pontevedra quedou ás portas do podio cun crono de 40.88 segundos.
O título foi para a dupla rusa formada por Irina Andreeva e Ivan Shtyl (39.10), segundado no podio polos polacos Dorota Borowska e Michal Llubniewki (39.82) e polos húngaros Kincso Takacs e David Korisanszky (40.02).
Relacionadas:
-
Tono Campos e Diego Romero revalidan o título de campións do mundo e as 'Tanias' fanse coa prata
Por Almu Dapena | Creada e actualizada
-
Pontevedra comparte intimidades cos seus olímpicos
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Cuarto posto para Adrián Sieiro no Campionato do Mundo Sprint de Dinamarca
Por Almu Dapena |
-
Dobre final para Antía Jácome no Mundial Sprint de Copenhague
Por Diego Espiño |
-
O Mundial Sprint Copenhague, último gran reto da tempada para o piragüismo pontevedrés
Por Redacción |
-
Antía Jácome, insaciable: "Teño mundial en setembro, a loitar por unha medallita"
Por Manu Otero |