O Pontevedra inmólase e cae contra o Leganés B (1-2)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
Só transcorreron tres xornadas de liga, pero o Pontevedra Club de Fútbol meteuse xa nunha lea importante, tras sumar só dous puntos e encaixar contra o Leganés B a súa primeira derrota da tempada dunha forma dolorosa (1-2), repetindo os erros que custaron puntos en Móstoles e xogando unha hora en inferioridade numérica por unha absurda expulsión de Álex González.
Nada facía presaxiar ese desenlace, porque arrincou ben o Pontevedra, con apenas cambios nun once que se repetiu nos primeiros encontros con pequenas excepcións. En menos de dous minutos chegou a primeira gran ocasión. Boa combinación de Romay con Oier polo carril do 7, o extremo chega á área e pon en bandexa o esférico á chegada de Brais Abelenda ao punto de penalti, pero o seu disparo, co porteiro vencido, estrelábase na madeira.
Facían dano os granates cando eran capaces de superar a liña de presión pepinera, especialmente polo costado dereito, pero aos poucos o Leganés empezaba a asentarse sobre o terreo de xogo facendo máis complicada a circulación.
O filial foi crecendo e empezou a ameazar a balón parado en tres saques de esquina consecutivos. Era un aviso do que chegaría aos 11 minutos tras unha falta prescindible de Churre nun salto, lonxe da área. O capitán do filial madrileño, Álex, poñía o balón tépedo á área e nun fallo defensivo de vulto, Quaye amornou de cabeza para a chegada totalmente desmarcado de David Alba, batendo a pracer a Álvaro Cortés. Segunda xornada consecutiva encaixando un gol en estratexia. Incidía no previa Ángel Rodríguez na importancia de mellorar na dúas área, pero a primeira gran ocasión do Pontevedra foise ao limbo e a do rival, para o fondo da rede. Tocaba remontar de novo.
O gol fixo dano ao equipo, que a punto estivo de recibir o segundo nun remate de Mario en claro fóra de xogo que o asistente obviara. Salvaba Cortés cunha boa intervención. Superado o momento tentaba remontar o voo o cadro local, e estivo preto de empatar nunha falta lateral sacada por Oier con potencia que ninguén conseguiu embocar.
Pasouse o ecuador do primeiro tempo e empezou outro festival inesperado, o das tarxetas. En apenas oito minutos o colexiado ensinou cinco amarelas, máis una ao banco. Unha delas, moi discutida por excesivamente rigorosa a Álex González acendeu ao capitán granate. Era o minuto 28 e apenas uno despois, nun enviou en longo e en plena disputa o 7 pontevedrés soltaba incomprensiblemente o brazo impactando no seu defensor. Non o vía en primeira instancia o colexiado, pero si o seu asistente, enviando á caseta ao futbolista local para desesperación dunha bancada que vía como o seu equipo estaba a inmolarse sobre o terreo de xogo.
O Pontevedra tiña por diante unha hora en inferioridade numérica coa obrigación de remontar, e a pesar dalgún achegamento con relativo perigo, non tivo opcións antes do descanso. Si puido o filial madrileño ampliar a súa conta nunha acción individual de Álex pola dereita cedendo ao dianteiro Diego en posición inmellorable. Por fortuna o seu disparo atopou unha man salvadora de Álvaro Cortés para enviar a córner.
Tentou mover o árbore Ángel Rodríguez na caseta durante o descanso, e retirou a un activo Oier e a Romay para dar entrada a Rufo e a Yelko Pino, variando lixeiramente o sistema prescindindo dos extremos. Non houbo moito tempo a probar se funcionaba o cambio, e é que no minuto 49 chegou de novo un erro defensivo de gravidade, idéntico ao que custou a vitoria en Móstoles. Pelotazo longo do Leganés que colle descolocado aos dous centrais permitindo a Diego encarar sen oposición cara á portería, Álvaro Cortés escorrégase e o ariete marca a pracer.
Pintaba cada vez peor a cousa para os de Pasarón. Esquecido o xogo, só o amor propio podía aínda dar algunha opción, e a base dun xogo máis directo e empuxe chegou o gol que daba esperanzas de polo menos puntuar. Foi aos 65 minutos nun centro de Samu Araújo no que fallou Victores, o arqueiro visitante, caendo o coiro a un Rufo que non perdoaba.
O gol deu ánimos ao Pontevedra, con Rufo a centímetros de cazar unha deixada de Charles, aínda que a inferioridade e un partido cada vez máis roto facía que todo empezase a ser un cara ou cruz. Así, o filial pepinero tivo na súa man sentenciar. Chegou a anotar, pero o seu gol foi invalidado por fóra de xogo e despois un claro croque de Cisse non vía porta por pouco.
A moeda saíra cruz para os madrileños deixando un fío de vida, e a punto estivo de aproveitalo Alberto Rubio cazando un balón na frontal, amagando e soltando un disparo que o gardameta do Leganés enviou a córner con moitos problemas. Aínda restaban algúns minutos, pero non pernas, e o crono foise esgotando sentenciando a un Pontevedra que terá que mellorar, e moito, se non quere verse descolgado ao primeiro de vez dos postos altos e do seu obxectivo de pelexar polo ascenso.
PONTEVEDRA CF (1): Álvaro Cortés, Seoane (Martín Diz, min.72), Churre, David Soto, Samu Araújo, Javi Rey, Romay (Yelko Pino, min.46), Brais Abelenda (Alberto Rubio, min.72), Álex González, Oier Calvillo (Rufo, min.46), Charles.
CD LEGANÉS B (2): Victores, Rubio, Quaye, Cassio Jr (Rentero, min.56), Mario R., Diego (Óscar, min.62), Borona (Mouriz, min.56), Cisse, Alba, Joserra, Álex (Iker, min.60).
Árbitro: Enrique Gao Aladro, auxiliado nas bandas por Buergo González e Menéndez Riestra (Asturias). Amoestou a Churre, Yelko Pino e ao adestrador de porteiros Moncho no Pontevedra e a Rubio, Borona, Iker e Cassio Jr no Leganés. Expulsou o local Álex González por dobre amarelo (min. 28 e 29).
Goles: 0-1 Alba (min.11); 02- Diego (min.49); 1-2 Rufo (min.65).
Incidencias: Partido correspondente á terceira xornada de liga no Grupo I da Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante ao redor de 1.500 espectadores.
Relacionadas:
-
O Pontevedra salva un punto despois de regalar a primeira parte ao Arenteiro (2-2)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Volta ás andadas do Pontevedra: de gañar o Bergantiños 0-2 a empatar no desconto
Por Diego Espiño |
-
Ángel Rodríguez reclama concentración para conseguir a primeira vitoria
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra quere que a afección acompañe o equipo a Carballo
Por Manu Otero |
-
Recado de Ángel Rodríguez aos seus xogadores: "Temos que buscar alternativas para algúns postos"
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra recibe o Leganés B coa dúbida de Samu Araújo e o deber de "mellorar nas dúas áreas"
Por Diego Espiño |
-
As probas a Samu Araújo confirman unha sobrecarga muscular
Por Diego Espiño |
-
Rufo renova co Pontevedra ata 2024
Por Diego Espiño |
-
Pendentes do abdutor de Samu Araújo
Por Diego Espiño |
-
Un gol do Móstoles no 92 bota por terra a remontada do Pontevedra (2-2)
Por Diego Espiño |