Álvaro Pino, Marcos Serrano o Blanco Villar participarán en Pontevedra na "Carrera de Campeones"
Por Redacción
O Grupo Deportivo Supermercados Froiz organizará o vindeiro sábado 10 de novembro unha nova edición da carreira de vellas glorias do ciclismo galego, coñecida desde 2003 como a "Carrera de Campiones" e que reunirá aos excorredores máis destacados da nosa comunidade. Entre os que xa confirmaron a súa asistencia están ciclistas como Álvaro Pino, Marcos Serrano, Blanco Villar ou José Teixeira.
O Super Froiz organizará esta proba para festexar o vixésimoquinto aniversario da súa creación e a súa quinta vitoria consecutiva no ránking español. Será a cuarta vez que se celebre en Pontevedra despois de que o ano pasado se levase a cabo en O Porriño no mes de setembro, polo que agora recupera as súas datas habituais.
Na última década a proba está moi vinculada a Pontevedra porque foi aquí cando se recuperou en 2003 despois de que se deixase de facer durante máis dun lustro. O "día das vellas glorias" creouse a mediados dos anos noventa e levouse a cabo en diferentes ocasións en Ponteareas, O Porriño e Vigo, pero a finais desa década deixou de facerse.
Desde a súa recuperación en 2003 foise levando a cabo todos os anos e cada vez con máis aceptación de público e tamén por parte dos excorredores. Será a cuarta vez que se dispute na cidade do Lérez, xa que ademais da de 2003 disputouse en 2004 e en 2007. Cinco anos despois regresa a Pontevedra nunha edición moi especial.
A historia do ciclismo galego darase cita en Pontevedra, no que será unha auténtica festa. Nesta proba pode participar todos os excorredores que non teñan ningunha licenza federativa de competición e que sexan maiores de 35 anos ou aqueles que teñan menos desa idade, pero leven catro tempadas sen ningunha licenza.