Ángel Rodríguez reclama concentración para conseguir a primeira vitoria

Por Manu Otero
O Pontevedra viaxa este domingo a Carballo coa necesidade de conseguir a súa primeira vitoria en liga. Despois de dous empates e unha derrota, os granates atópanse na zona baixa da táboa neste inicio de competición e a consecución do primeiro triunfo empeza xa a ser urxente.
"As sensacións son boas. Temos que eliminar eses momentos puntuais de falta de concentracion", sinala Ángel Rodríguez como a clave para empezar a sumar de tres en tres contra o Bergantiños.
Coa única ausencia de Álex González por sanción, o técnico granate espérase "un partido complicado, nun terreo de herba artificial con moito caucho" e contra un equipo cuns "mecanismos de xogo xa adquiridos". Neste sentido, Rodríguez é consciente de que o Pontevedra debe saír ao campo das Eiroas a gañar, pero non quere dar por favorito ao seu equipo só polo nome.
"Aquí non vai haber ningún partido sinxelo. O Pontevedra non lle vai gañar a ninguén por historia, hai que poñerse o mono de traballo", advirte.
Sobre os cambios anunciados polo adestrador tras a derrota contra o Leganés B, Ángel Rodríguez asegura ter "moi claro o que vou facer" e recoñece que "vai haber algún cambio". Tampouco se arrepinte de criticar en público a algún dos seus xogadores, aínda que matiza que "o que dixen para un vale para todos".
Cuestionado sobre se el tamén fai autocrítica, o técnico recoñece como erros propios "poñer a algún que non debería poñer", pero non sente responsable do ocorrido durante o tempo de xogo.
"O que sucede no terreo de xogo forma parte dos implicados, que son os xogadores. Para algúns debín meter de entrada a Rufo ou con outro sistem, pero iso non xustifica que vaias gañar logo", conclúe o preparador leonés, quen asegura que nos tres partidos disputados ata a data o Pontevedra foi superior aos seus rivais.
Relacionadas:
-
Ángel Rodríguez: "Necesitamos un resultado positivo xa"
Por Manu Otero |
-
Volta ás andadas do Pontevedra: de gañar o Bergantiños 0-2 a empatar no desconto
Por Diego Espiño |
-
Recado de Ángel Rodríguez aos seus xogadores: "Temos que buscar alternativas para algúns postos"
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra inmólase e cae contra o Leganés B (1-2)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |