O Poio Pescamar mide as súas aspiracións contra o Burela e o Marín Futsal busca o seu primeiro triunfo en Melilla
Por Redacción
O Poio Pescamar afronta este sábado, ás 18.30 horas no pavillón da Seca, un duelo de altura. As vermellas reciben ao Burela nun encontro que marcará as aspiracións do conxunto local, que un ano máis aspira a estar no máis alto da táboa e a loitar por arrebatarlle o título que nos últimos anos acaparan as lucenses e o Atlético.
Despois do contundente triunfo da primeira xornada contra o Alcorcón, a moral das conserveiras está polas nubes e cos reforzos desta tempada, incluída a exxogadora do Burela Jane, soñan con estar á altura das vixentes campioas.
Con bo sabor de boca, pero coa marcadora de puntos sen inaugurar, partiu o Marín Futsal cara a Melilla, onde buscarán transformar a boa imaxe ofrecida a pasada fin de semana no seu debut en casa contra o Atlético Navalcarnero nun triunfo. A partir das 19 horas mediranse as marinenses ao Melilla Sport Capital Torreblanca, nun partido que poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube da RFEF.
De feito, o propio presidente da RFEF, Luís Rubiales, anunciou que esta tempada todos os partidos da competición poderanse seguir en directo a través da web da RFEF de forma gratuíta. Os partidos de cada xornada poderán visionarse tamén a través da web do operador, en www.vuvuzela.es