O Cisne regresa pola porta grande superando a un débil Atlético Novás (29-21)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
Regreso pola porta grande para o Club Cisne Balonmán á División Honra Prata. Apabullou a un impotente Atlético Novás que foi de máis a menos. Aínda que os do Rosal mostraron pequenos indicios de querer competir durante os primeiros minutos, produciuse un punto de inflexión cando se alcanzou o primeiro cuarto de hora de xogo no que os de Jabato pegaron un impulso que foi vital na vitoria final (29-21).
Comezou mandando o Cisne no marcador cun pequeno colchón de dous goles grazas aos goles de Álex Chan e Carlos Blanco e á intervención de Jorge Villamarín no que ía ser o empate do Atlético Novás. Pero dous erros en ataque do conxunto branco impediron que a diferenza fose maior e, en cambio, foron os do Rosal os que esta vez si souberon aproveitar o seu ataque para igualar a contenda. Puideron poñerse por diante anotando o 2-3, pero de novo, un gran Villamarín apareceu para impedir a remontada.
Carlos Pombo fixo o 3-2 e igualou o Novás, anotando o que foi o último gol do equipo ata pasados case 5 minutos. O Cisne fíxose grande en defensa, sobre todo cun Iván Calvo moi activo, que marcaba a diferenza provocando senllos roubos de balón que se traduciron en goles de Pombo, Carlos Álvarez e Mateo Arias, facendo a que era a maior diferenza do partido ata o momento (min. 9, 6-3).
Parou o tempo o técnico visitante, dando coa tecla para que os seus revertesen a situación e así frear a seca goleadora á que estaban a ser sometidos. Germán Hermida e Paulo Dacosta foron os protagonistas do Novás encargados en reducir diferenzas, pero con polémica. Sobre todo no último tanto, que veu dunha falta que reclamou Preciado pero que o colexiado non viu e ocasionou o contragolpe rival que pillou aos xogadores locais desprevidos (min. 11, 6-5).
E Preciado si acertou no seguinte ataque, dando paso a un intercambio de golpes por parte de ambos os conxuntos nos que destacaron as exclusións de Krook e de Virulegio, ademais do empate do Novás despois de ir durante máis de 10 minutos por baixo no marcador (min. 15, 8-8).
Pero foi unha ilusión óptica o bo facer do Novás. Unha vez máis, o gardameta local reapareceu para frear as chegadas rivais, mentres Chan e Bruno Vázquez devolvían a vantaxe a un Cisne que se gustaba cada vez máis e que se mostraba animado, en parte pola calor que desprendía unha afección que gritaba con cada gol e cada parada dun soberbio Villamarín con tres paradas seguidas (min. 20 13-8).
Ao adestrador visitante non lle gustaba o que estaba a ver na cancha e decidiu mover ficha en portería, dando paso a un Héctor Gil no que estaba a esperanza de frear as chegadas pontevedresas. Con todo, o Cisne, lonxe de relaxarse, aproveitou a oportunidade que lle brindaba a vantaxe no marcador para mover máis o balón e buscar espazos sen apuros.
A falta de dous minutos para chegar o descanso pediu tempo morto Jabato, buscando aproveitar a que probablemente sería a última xogada en ataque do seu equipo, pero a defensa do Novás foi máis forte e bloqueou o intento. En cambio, o Cisne fixo o propio en tarefas defensivas, provocando o fallo no último pase dos do Rosal, que Daniel Neves transformou no 16-12 co que se alcanzou o final do primeiro acto.
Despois do intermedio, Jorge Villamarín volveu ser o máis destacado. Sobre todo polas dúas paradas seguidas que lle fixo a un Novás que cada vez estaba máis exasperado. Preciado e Carlos Álvarez marcaron o 18-12, mentres, en defensa, Jabato optaba por unha defensa 5-1 con Iván Calvo máis adiantado.
Aos tres minutos de xogo e cunha diferenza de 6 goles en contra, o técnico visitante volvía parar o tempo. O seu equipo cometía erros no último pase, sumado a que, as poucas veces que dispoñían dun lanzamento claro, Villamarín estirábase freando as opcións de gol.
Jabato optaba por dar descanso ao seu gardameta titular, dando minutos aínda Pablo González que fixo o propio demostrando ser un claro sucesor do seu compañeiro. O Cisne aumentaba a sangría en ata 10 goles e o Novás tentaba aguantar o tipo como boamente podía nun partido que facía tempo que estaba perdido (min. 25, 28-18).
Xa nos últimos instantes, os locais empezaron a fallar nos metros finais dando a oportunidade ao Novás de que maquillase o resultado final (29-21).
Relacionadas:
-
Recital defensivo e terceira vitoria consecutiva do Cisne fronte o Villa de Aranda (35-20)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Cisne reina en Pontevedra (25-30)
Por Almu Dapena & Mónica Patxot |
-
Teucro e Cisne velan armas para o derbi pontevedrés da División de Honra Prata
Por Diego Espiño |
-
Teucro e Cisne coñecen os seus rivais para a primeira rolda da Copa do Rei
Por Redacción |
-
Cisne e Teucro inician o curso con ilusións renovadas
Por Redacción |
-
O Cisne viste de longo antes do seu debut na liga
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O Cisne cae ante o Cangas nunha final da Supercopa Galicia homenaxe a Fran Teixeira
Por Redacción |
-
O Cisne busca abono para seguir crecendo
Por Manu Otero |
-
Catro cisneístas, medalla de bronce no Europeo Xuvenil de Balonmán
Por Almu Dapena |