Estudan a creación dunha canle de slálom de piragüismo en Bora
Por Diego Espiño
Galicia é unha das grandes potencias do piragüismo nacional, pero una das súas modalidades segue sen contar con instalacións. Trátase do slálom, unha disciplina popularizada nos últimos ciclos olímpicos coas medallas de Maialen Chourraut e que conta cada vez con máis adeptos e tamén medallistas internacionais na comunidade.
Por iso a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Piragüismo trataron de impulsar nos últimos anos a creación dunha canle para a práctica deste deporte, ata o momento sen éxito.
É unha vella aspiración da federación, e que atopou en Pontevedra a que, unha vez máis, pode ser a súa casa axudada pola influencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e do Complexo Deportivo David Cal no encoro de Pontillón do Castro, en Verducido,
Segundo avanza o xornalista Pablo Carballo en La Voz de Galicia, a Xunta de Galicia elixiu o río Lérez ao seu paso por Bora para tentar impulsar definitivamente este proxecto, tras estudar varias localizacións na comarca.
Trátase dun proxecto aínda en fase inicial e que necesita, entre outras cousas, da aprobación de Augas de Galicia e dunha serie de permisos.
"Estamos falando de acondicionar soamente 150 ou 200 metros dun río, que non os temos en toda Galicia", explicou a PontevedraViva o presidente da Federación Galega, Alfredo Bea, asegurando que "é un compromiso político do goberno da Xunta".
Entre as outras localizacións que se expuxeron estivo mesmo a canle interior da Illa das Esculturas. Chegouse a preguntar ao Concello de Pontevedra por esta posibilidade, pero ao ser terreos afectados por Costas foi refugada. Aínda así "é unha zona potencial", defende Bea. Así mesmo estudouse a opción de Verducido e tamén do río Almofrei, en Cerdedo-Cotobade.
O presidente federativo está convencido de que a creación dunha canle de slálom "pode ser moi bo para Pontevedra" coa posibilidade de "atraer competicións mundiais".
Neste asunto tanto a Federación como a Secretaría Xeral para o Deporte levan tempo traballando da man coa premisa de que "estar preto de Pontevedra é fundamental", para así complementar as posibilidades do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e aos padexeiros que alí adestran.
Ademais confían que esta canle poida supoñer que "clubes que non tiñan modalidade de eslalon se animen, como o Ciudad de Pontevedra ou o Naval", explicou Alfredo Bea defendendo a práctica dunha modalidade de piragüismo incluída no calendario olímpico pero que de momento carece de instalacións, obrigando aos deportistas para completar o seu adestramento con estancias no Pirineo.