O PP pide a Tino Fernández "que deixe a prepotencia a un lado e escoite o tecido deportivo desta cidade"
Por Diego Espiño
Guille Juncal, concelleiro do Partido Popular de Pontevedra, saíu ao paso este venres das declaracións do edil de Deportes, Tino Fernández, ante a polémica xurdida pola imposibilidade de pais e nais de deportistas de base de acceder aos partidos dos seus fillos.
O responsable municipal afirmou que a responsabilidade da entrada de público é dos clubs e que a polémica "son ganas de leria por parte dalgúns".
Ante estas verbas Juncal instou a Tino Fernández a "que se desculpe con todos os clubs deportivos, coa cidadanía en xeral, que rectifique as súas palabras e recoñeza que non se axustaron á realidade", xa que se trata ao seu xuízo de "unha afirmación que é rotundamente falsa, posto que o protocolo do Concello de Pontevedra non permite en ningún caso o acceso a instalacións deportivas a ninguén que non sexa imprescindible".
O Partido Popular defendeu que "é o momento de que se flexibilicen e se relaxen os protocolos en materia deportiva do Concello, que se permita de forma segura e ordenada a entrada de público", polo que pide ao responsable de Deportes "que deixe a prepotencia a un lado e escoite ao tecido deportivo desta cidade".
Na súa comparecencia o portavoz en materia deportiva do grupo popular acusou o Concello, e en particular a Fernández, de tomar "decisións indefendibles ao longo destes meses" co peche das instalacións deportivas, a non celebración das escolas deportivas municipais ou as súas afirmacións nas que "insultou a representantes federativos que si estaban a facer o seu traballo ou tachou de irresponsables a todos os que defendemos unha volta controlada e segura do deporte", defendeu Guille Juncal.
Relacionadas:
-
Tino Fernández insiste en que "os pais e as nais pidan explicacións aos clubs" sobre a non entrada aos partidos de base
Por Diego Espiño |
-
Tino Fernández, sobre a non entrada de pais e nais aos partidos de base: "Son ganas de leria por parte dalgúns"
Por Diego Espiño |
-
Pais e nais condenados, polo momento, a ver os partidos dos seus fillos desde a rúa
Por Diego Espiño | Creada e actualizada