Pontevedra presenta a súa candidatura para acoller a Gran Final das Series Mundiais de tríatlon en 2023
Por Diego Espiño
É o gran evento do tríatlon olímpico mundial, fóra dos propios Xogos, e é o próximo reto que se expuxo Pontevedra para pechar o círculo da súa aposta polo tríatlon.
A Boa Vila acaba de presentar a súa candidatura para ser sede en 2023 da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, un evento que "haría que Pontevedra se signifique como la ciudad del triatlón", asegurou o presidente da Federación Española, José Hidalgo.
O presidente federativo arroupou este venres ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no anuncio oficial da candidatura, xunto ao edil de Deportes, Tino Fernández, e o máximo expoñente do tríatlon nacional, Javier Gómez Noya.
"Teño moitísima esperanza en que se nos conceda", asegurou Lores poñendo "enriba da mesa a capacidade organizativa de Pontevedra, o atractivo que ten a cidade e a experiencia que ten a cidade de Pontevedra organizando eses campionatos", sinalou en relación ao Mundial de dúatlon celebrado hai uns anos así como o Campionato de Europa de Tríatlon e o ITU Multisport, con ata cinco campionatos mundiais.
A decisión sobre a Gran Final das Series Mundiais 2023 non se demorará demasiado, xa que "calculo que se coñecerá a finais de outubro", avanzou o alcalde.
Pontevedra terá que pelexar pola designación con varias candidaturas máis, especialmente "con una muy fuerte que es Bermuda", recoñeceu José Hidalgo, aínda que convencido de que "tenemos suficiente credibilidad para competir con cualquiera".
No caso de ser designado como sede a competición, que tería lugar no mes de setembro, atraería á cidade "por riba dos 4.000 ou 5.000 deportistas", confirmou Lores contando entre os competidores das diferentes categorías e grupos de idade, entre os que estarían as grandes figuras mundiais ao tratarse ademais de ano preolímpico, con prazas no aire para os Xogos de París 2024.
GÓMEZ NOYA PRESENTA UN NOVO CIRCUITO DE TRÍATLON INFANTIL
Na mesma comparecencia Javier Gómez Noya presentou un novo proxecto que tenta impulsar da man da Federación Española de Tríatlon, o Pho3nix kids by Javier Gómez Noya.
Trátase dun circuíto de carreiras para as categorías alevín e infantil que se estrea esta fin de semana en Pontevedra baixo o paraugas do Campionato de España Sprint.
"É un proxecto que nace coa intención de fomentar o deporte e o tríatlon entre os máis novos", destacou o pentacampión mundial en modalidade olímpica, recoñecendo que "a primeira proba tiña que ser en Pontevedra por todo o que dignifica para min".
Relacionadas:
-
Pontevedra comparte o vídeo que conquistou á ITU para concederlle a final das series mundiais do 2023
Por Redacción |
-
Pontevedra, protagonista na I Xornada Municipalidade e Tríatlon celebrada no Comité Olímpico Español
Por Redacción |
-
A Gran Final das Series Mundiais, un evento "descomunal" cun retorno "igual de 5 ou 6 millóns de euros"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Reaccións á designación de Pontevedra como sede das Series Mundiais de tríatlon: "Os soños fanse realidade"
Por Diego Espiño |
-
"Broche de ouro" de Pontevedra co tríatlon: Acollerá a Gran Final das Series Mundiais en 2023
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra despide unha fin de semana chea de tríatlon
Por Redacción |
-
Paula Herrero e David Castro, campións de España de Tríatlon Sprint en Pontevedra
Por Almu Dapena & Mónica Patxot |
-
O ITU Multisport de tríatlon, unha experiencia irrepetible para Pontevedra cun final de conto
Por Diego Espiño |
-
A ITU dálle "matrícula de honor" á organización dos Mundiais Multideporte de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra será candidata para acoller a final das Series Mundiais de tríatlon
Por Oskar Viéitez & Nacho Fuentes |