Ángel Rodríguez: "Necesitamos un resultado positivo xa"

Por Manu Otero
O Pontevedra necesita endereitar o rumbo de forma urxente. Despois de catro xornadas sen gañar, o propio adestrador, Ángel Rodríguez, recoñece que o equipo necesita comezar a sumar de tres en tres para abandonar a zona baixa da táboa e, sobre todo, recuperar a confianza. "É certo que despois de cada partido que pasa e non consegues a vitoria son momentos difíciles para todos. Pero o equipo está convencido de que estamos a facer as cousas ben, aínda que si que é certo que necesitamos un resultado positivo xa", declarou o técnico na rolda de prensa previa ao partido que enfrontará ao cadro granate este domingo en Pasarón a partir das 17 horas fronte ao Arenteiro.
Para conseguir este primeiro triunfo, Rodríguez aínda non sabe se poderá contar con Brais Abelenda, que arrastra unhas molestias nos isquiotibiais e é a única dúbida de fronte ao fin de semana.
Recoñece o preparador leonés que encaixar outro resultado negativo sería "durísimo" para a moral do equipo. "Non pensamos niso, podemos estar moi preto da vitoria se facemos as cousas que vimos facendo e se corriximos os erros na nosa área. Temos que ser máis contundente e non dar facilidades", esixe. Neste sentido, lamenta que as poucas ocasións que lle xeran os rivais "están a penalizarnos unha barbaridade". De feito, o leonés asegura que o seu equipo non ten problemas defensivos. "O equipo defensivamente está ben, as transicións defensivas son boísimas, pero o pouco que nos equivocamos penalízanos de maneira excesiva", sostén.
Sobre o Arenteiro, Rodríguez espera un equipo "que traballa con moita intensidade e que nos vai a mostrar un sistema distinto ao que nos están mostrando outros equipos", dixo sobre o 5-3-2 que adoita expor de forma habitual Fran Justo. Sen querer dar pistas sobre como enfocará o partido o técnico granate, puntualiza que ten claro como afrontar o duelo e que o seu equipo é capaz de xogar con sistemas diferentes. Tampouco confirma nin desmente que Rufo e Charles repitan como parella ofensiva no once inicial.
Sobre o ambiente un tanto convulso que rodea á entidade desde hai tempo, pero especialmente esta última semana, Rodríguez é dos que, cando as cousas non van ben, prefire illarse do ruído, pero quixo recalcar que "o vestiario está unido". Con todo, recoñeceu que tras o empate no desconto no último partido, os ánimos na caseta granate estaban caldeados. "Os encontróns vai haber sempre nun equipo que é gañador. Despois de empatar un partido no noventa, é imposible que chegue alguén e diga que está todo ben. As cousas dinse doutra maneira. Alguén o pode entender como un encontrón, eu non. Eu enténdoo como que todos tentamos remar para que isto salga adiante, evidentemente as cousas dinse dunha maneira ou doutra. Pero o importante é o fondo e como se interpreta, para min non pasou nada", dixo sobre unha presunta discusión que se produciu o domingo entre un xogador e un directivo.
Relacionadas:
-
O Pontevedra salva un punto despois de regalar a primeira parte ao Arenteiro (2-2)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Pólvora arriba e fraxilidade atrás: "Hai 4 puntos que se nos escaparon no desconto que non debería pasar"
Por Diego Espiño |
-
Volta ás andadas do Pontevedra: de gañar o Bergantiños 0-2 a empatar no desconto
Por Diego Espiño |
-
Ángel Rodríguez reclama concentración para conseguir a primeira vitoria
Por Manu Otero |
-
Recado de Ángel Rodríguez aos seus xogadores: "Temos que buscar alternativas para algúns postos"
Por Manu Otero |