O Arosa debilítase contra o Coruxo (0-1)
Por Almu Dapena
Continúa a mala serie do Arosa, que empezou ben a tempada pero leva xa dous partidos seguidos perdendo e tres sen marcar. A última derrota foi este domingo na Lomba contra o Coruxo, pechacancelas da clasificación e que tivo nun golazo de Mateo o seu primeiros tres puntos.
Comezou o partido cos de Jorge Otero sendo donos do esférico e as ocasións non tardaron en chegar. A primeira foi para Nuño, que enviou un disparo cruzado desde o lado esquerdo que se foi cruzado e, pouco despois, nun balón parado que sacou Mon. Colgou o balón na área do conxunto visitante, que sacou o balón como puido iniciando unha contra que acabou con falta sobre o 14 do Arosa. Tamén probou Pedro Beda, moi activo na área pequena buscando aproveitarse dun erro defensivo rival e posteriormente cun remate de cabeza.
Mentres, o Coruxo buscaba o gol con xogadas illadas pero de moito perigo, obrigando a Manu Táboas a intervir. Alcanzábase o cuarto de hora e a zaga visitante enviou un pase ás costas da defensa cara a Silva, que se plantou diante do gardameta arlequinado, que lle gañou a partida ao 9.
Buscaban poñerse por diante ambos os equipos, pero máis o Arosa, ao que se lle escapaban chegadas claras que non vían portería e a que entrou, o colexiado anulouna por fóra de xogo. Mon enviou a Ros un centro a balón parado e este último pasou a Javi Fontán, que cometeu falta sobre Alberto. Cumpríase o minuto 40.
Despois do paso polos vestiarios, o Coruxo deu un paso adiante e fíxose co control do xogo tocando en campo rival, mentres os de Jorge Otero esperaban para facer dano á contra.
Salvou Manu Táboas ao seu equipo do primeiro gol verdibranco no minuto 57, cando Mateo pasou a Martín, que se plantou diante do gardameta arousán e este enviou o balón a córner.
Moveu ficha o técnico local, dando coa tecla para que o Arosa volvese xerar perigo en área de Alberto. Pero non foi capaz de converter o que tivo o equipo local, cousa que si que fixo o pechacancelas da clasificación despois de moito insistir. O central do Coruxo, desde campo propio, coou o balón ás costas da defensa local. Alí estaba Martín, que centrou cara a Mateo. Este sacou un derechazo que se coou na escuadra da portería de Manu Táboas, que non puido facer nada para evitar o gol.
Co marcador en contra empezou a apertar o Arosa, mentres o Coruxo tentaba non cometer erros defensivos que lle fixesen perder o primeiros tres puntos da tempada. E souberon aguantar ata o final, mentres os locais íanse quedando sen forza a medida que pasaban os minutos.
Finalmente, 0-1 na Lomba. Segunda derrota consecutiva do Arosa e primeira vitoria dun Coruxo que soubo plantar cara.
Relacionadas:
-
O Arosa non pode co invicto Avilés (2-1)
Por Almu Dapena |
-
Luismi conduce o Arosa cara á vitoria sobre o Navalcarnero (1-0)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O líder Unión Adarve remonta un gol de Pedro Beda para derrotar o Arosa (2-1)
Por Almu Dapena |
-
O Arosa, a recobrar impulso no campo do líder Unión Adarve: "Ninguén dixo que isto ía ser fácil"
Por Diego Espiño |
-
O Arosa busca furgar na ferida dun Coruxo que non coñece a vitoria
Por Redacción |
-
O balón parado non é suficiente para un Arosa necesitado de gol (2-0)
Por Almu Dapena |
-
Os xogadores do Arosa Róber e Álex Cobo pasarán polo quirófano o día 30
Por Redacción |
-
Empate que sabe a pouco a un Arosa que mereceu máis contra o Llanera (0-0)
Por Almu Dapena |
-
Pleno de vitorias para o Arosa no arranque de liga, a última en casa do Marino de Luanco (0-2)
Por Almu Dapena |