Un equipo 'ao bordo dun ataque de nervios'
Por Diego Espiño
Por momentos o Pontevedra Club de Fútbol parece mergullado nunha película de Pedro Almodóvar, cun certo caos, ansiedade e un ritmo frenético que lle sitúa 'ao bordo dun ataque de nervios', como a popular cinta que foi nomeada ao Óscar a finais dos anos 80.
Despois de cinco xornadas de liga o novo proxecto granate segue sen despegar, tras catro empates e unha derrota, contaxiando o nerviosismo a todos os seus estamentos, desde o plantel pasando polo corpo técnico, a afección e ata o palco do Estadio Municipal de Pasarón.
Así se viviu este domingo o encontro fronte ao Arenteiro, onde de novo un erro de concentración defensiva nunha xogada de estratexia (terceiro gol encaixado de maneira similar esta campaña), fixo saltar polo aire o plantexamento de Ángel Rodríguez enviando á lona e deixando aparvado o equipo pontevedrés. A situación empeorou co 0-2 pouco despois. Dous tiros, dous goles en contra, e a sensación de estar ao bordo do precipicio.
A bancada recriminou aos seus no descanso, e mesmo entre a directiva vivíronse escenas rechamantes cunha conversación entre varios conselleiros e a propia presidenta, Lupe Murillo, na zona nobre do estadio e á vista de todos.
Con todo a reacción do equipo na segunda metade, en base sobre todo a un exercicio de orgullo e fe, devolveu as augas ao seu leito deixando un fío á esperanza confiando que o proxecto poida arrincar definitivamente. Polo menos dálle un pouco máis de tempo, porque a realidade é que a pesar dos malos resultados a igualdade da categoría é máxima, e o Pontevedra aínda que en postos de descenso está só a 4 puntos do play- off e a 6 puntos do liderado. Quen o diría con semellante inicio de curso. Imprescindible faise, iso si, corrixir canto antes uns erros que están a custar xa moitos puntos.
"Debemos mellorar en moitas cosas pero hai que ser positivo, non pode entrar para nada o pesimismo no vestiario, porque o vestiario está forte, con ganas, está con rabia e o único que fai falta é que dunha vez por todas podamos sacar un partido adiante", sinalou en rolda de prensa tras o encontro Ángel Rodríguez.
O técnico defende que "o único que falta é que empecemos a sumar de tres, que gañemos un partido para que nos quitemos esa coraza que parece que temos". A partir dese momento "empezará a crecer o optimismo no vestiario, e con vento a favor todo se manexa mellor", asegura.
O tempo dirá se estaba no correcto, pero o certo é que a marxe co que iniciaba o curso o Pontevedra esfumouse e agora o equipo debe de ir crecendo coa esixencia dos resultados inmediatos se non quere ver como lle devoran os nervios dunha contorna xa de seu moi esixente.
O próximo exame será un Marino de Luanco que marcha décimo con 6 puntos tras encadear dous triunfos nas últimas xornadas, e só un triunfo en Asturias afastará as pantasmas que rodean aos granates.
Relacionadas:
-
Vitoria para crecer dun sólido Pontevedra en Luanco (0-3)
Por Diego Espiño |
-
Luanco, un exame para o Pontevedra e para Ángel Rodríguez: "O máis intranquilo de todos son eu"
Por Diego Espiño |
-
O céspede de Pasarón prepárase para o inverno
Por Diego Espiño |
-
A historia avala unha reacción do Pontevedra en Luanco
Por Diego Espiño |
-
Optimismo co estado físico de Javi Rey e Brais Abelenda
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra salva un punto despois de regalar a primeira parte ao Arenteiro (2-2)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |