Destacado papel do Mat's de Marín no Nacional Júnior e no Open de Albania
Por Redacción
Gran fin de semana para o Mat's de Marín, sumando ata cinco medallas en dúas cotas de gran nivel como son o Campionato de España Júnior celebrado en Cartaxena e o Open de Albania.
Na cita internacional, de categoría G-1, Arlet Ortiz levou a medalla de prata ao ceder unicamente na final do torneo fronte á representante alemá, mentres que Iván García conseguiu o bronce na súa categoría ao ceder nunha emocionante semifinal contra o competidor turco que se lle escapou nos segundos finais.
Esta dobre medalla foi o colofón a unha fin de semana que tivo no Nacional Júnior outra cita descatada, cun triplo podio marinense.
O mellor resultado foi o conseguido por Sergio Troitiño, ao proclamarse campión de España na categoría de +78 quilos. O deportista do Mat's superou tres combates para facerse co título, primeiro contra o andaluz Juan Francisco Castro (21-3), despois contra o manchego Adrián Asensio (25-0) e por último contra o vasco Iván Mediavilla (17-0).
Ademais Yadira Reimúndez gañou a medalla de prata no peso de -55 quilos, caendo só na final fronte á manchega Laura Rodríguez, mesmo resultado que Silvia Otero (-42 quilos) ao perder o combate definitivo contra Sofía García (Castela-A Mancha).