A Copa de España C1 de Ciclocrós de Pontevedra, unha cita que "abre as portas" para organizar o Europeo
Por Diego Espiño
A Illa das Esculturas acollerá o vindeiro sábado 9 de outubro a primeira proba puntuable da tempada na Copa de España de ciclocrós, unha cita ademais de categoría internacional C1 que contará con "deportistas que están no top-20 mundial", asegurou na súa presentación o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.
Trátase dunha das tres únicas carreiras en España de semellante nivel, supoñendo o último requisito que debía cumprir Pontevedra antes de poder aspirar a organizar o Campionato de Europa da especialidade, para a que presentou candidatura oficial pensando nos anos 2023 e 2024.
"É unha proba importante por moitas cousas, pero sobre todo porque nos abre as portas para poder organizar o Europeo", insistiu o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
Neste sentido "hai que ver aínda o resto de candidaturas, pero a única en firme é a nosa", engadiu pola súa banda o dirixente federativo confiando nas posibilidades da Boa Vila tras un longo camiño iniciado hai uns anos no que se foron queimando etapas coa organización de carreiras de Copa España ou dúas edicións do Nacional.
En canto á competición internacional C-1, disputarase nun circuíto de 3.200 metros "rápido e moi vistoso", explicou o director técnico da proba, José Alberto do Río, nun espazo como a Illa das Esculturas que "é un lugar excepcional para facer unha proba de ciclocrós".
A competición contará coa presenza de ao redor de medio milleiro de ciclistas, con presenza de corredores de sete países entre os que destacan o campión nacional Felipe Orts ou o neerlandés David Van der Poel, irmán do campión mundial e unha das grandes figuras do ciclismo internacional.
A actividade do Gran Premio Ciudad de Pontevedra de Ciclocrós dará comezo ás 10.00 horas do sábado coa carreira júnior masculina, á que seguirán próbalas elite e sub 23 feminina ás 11.30 horas e a elite e sub-23 masculina ás 12.30 horas.
Como complemento á súa celebración, o domingo día 10 Marín tomará a substitución co Xaxán CX Internacional, de categoría C2.
Relacionadas:
-
Pontevedra pasa con nota a inspección da Unión Europea de Ciclismo de cara ao Campionato de Europa de Ciclocrós 2024
Por Diego Espiño |
-
Asinado en Madrid o convenio que concede a Pontevedra o Europeo 2024 de Ciclocrós
Por Diego Espiño |
-
Xa é oficial, o Campionato de Europa de Ciclocrós 2024 celebrarase en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O ciclocrós pontevedrés eleva a súa presenza no calendario internacional
Por Redacción |
-
A concesión a Pontevedra do Europeo de ciclocrós 2024, a punto de caramelo
Por Manu Otero |
-
O ciclismo será un habitual no calendario pontevedrés para o 2022
Por Almu Dapena |
-
O XaxanCX pecha en Marín unha brillante fin de semana de ciclocrós
Por Redacción |
-
Dous podios para o Froiz nunha Copa de España de ciclocrós na que dominou o Nesta
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Miguel Rodríguez e Aida Nuño, dominadores no inicio da Copa Galicia de Ciclocrós en Pontevedra e Poio
Por Redacción |
-
Tríatlon, ciclocrós, medio maratón... un outubro de eventos deportivos en Pontevedra que lembra á prepandemia
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra prepara a súa candidatura para ser sede do Europeo de Ciclocrós en 2023 e 2024
Por Diego Espiño |