Luanco, un exame para o Pontevedra e para Ángel Rodríguez: "O máis intranquilo de todos son eu"
Por Diego Espiño
O primeiro triunfo na liga do Pontevedra Club de Fútbol non pode esperar máis. Sábeo o plantel granate e tamén o técnico, Ángel Rodríguez, ante o desprazamento da fin de semana ao campo do Marino de Luanco (domingo, 17.00 horas).
O preparador recoñece que "por moita intranquilidade que haxa na rúa ou no club o máis intranquilo son eu, porque eu voume a casa e sigo comendo a cabeza para ver como pode facer o equipo para gañar o domingo. A xente pensa a intres e eu non me quito da cabeza que levemos cinco xornadas e non conseguísemos unha vitoria", explicou este venres en rolda de prensa.
Fóra desa reflexión, Rodríguez mantén a súa convicción de que "esta forma na que comezou a tempada vai cambiar", aínda que para iso pon como imprescindible botar o ferrollo á súa portería. "Para nós é importantísmo manter a portería cero, porque somos un equipo que fai gol e ocasións, e en canto consigamos ter a porta a cero teremos moi preto a vitoria", defende.
O técnico afronta a cita en Asturias pensando en modificacións no once inicial, porque "o normal cando se repiten tantos erros é que poidan haber cambios". Un deles será obrigado, xa que Javi Rey segue arrastrando molestias no abdutor e non se quere forzar a súa recuperación. O seu posto previsiblemente ocuparao un Miguel Román que "pode cumprir perfectamente. Os minutos que xogou fíxoo moi ben". O que si apunta canto menos á convocatoria é un Brais Abelenda que "pode chegar", avanzou o adestrador granate.
O que parece inamovible é a presenza dos dous dianteiros, Charles e Rufo, porque "tendo eses dous xogadores o normal é aproveitalos. O normal é poñelos e que logo demostren a súa fortaleza dentro da área".
O Pontevedra visitará un campo, o de Miramar, de dimensións reducidas con respecto a Pasarón, pero "temos tanta necesidade que non nos podemos preocupar polo rival nin polo campo, debemos ser nós, ser un equipo moito máis implicado en tarefas defensivas e sobre todo un equipo máis concentrado", analizou ante os medios de comunicación o responsable do banco pontevedrés.
Ángel Rodríguez espera iso si un Marino de Luanco que "no seu campo é moi complicado".
O colexiado do encontro será nesta ocasión o cántabro Francisco Crespo Puente, recentemente ascendido á categoría e que ata a data non se cruzou cos granates.
Relacionadas:
-
Vitoria para crecer dun sólido Pontevedra en Luanco (0-3)
Por Diego Espiño |
-
O céspede de Pasarón prepárase para o inverno
Por Diego Espiño |
-
A historia avala unha reacción do Pontevedra en Luanco
Por Diego Espiño |
-
Optimismo co estado físico de Javi Rey e Brais Abelenda
Por Diego Espiño |
-
Un equipo 'ao bordo dun ataque de nervios'
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra salva un punto despois de regalar a primeira parte ao Arenteiro (2-2)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |