O alcalde Lores recibe no Concello á gran mestra de xadrez arxentina, Claudia Amura
Por Manu Otero
Unha das grandes figuras do xadrez mundial está de visita en Pontevedra. Trátase da gran mestra arxentina Claudia Noemí Amura Gramajo, que leva xa varios días na capital da provincia para coñecer de primeira man o funcionamento da Escola Xadrez de Pontevedra (EXP). Con motivo desta viaxe, a xogadora foi recibida este mércores polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, no seu despacho para charlar uns minutos sobre este deporte, a súa implantación na Boa Vila e sobre o modelo urbano da urbe.
Claudia Amura é a primeira muller iberoamericana en obter o título de gran mestra e está recoñecida como a mellor xadrecista latina feminina da historia. Os seus éxitos deportivos son innumerables, pero sobresae a súa medalla de ouro nun mundial xuvenil, unha prata na olimpíada de xadrez de Novi Sad ou os seus enfrontamentos a varios campións mundiais como Karpov ou Kasparov.
Con todo, a transcendencia de Amura vai moito máis alá da súa relación co taboleiro. Na provincia arxentina de San Luís desenvolveu un proxecto educativo e levou este deporte aos cárceres para mellorar a reinserción social dos internos e utilizalo como ferramenta para curar adiccións e loitar pola igualdade entre homes e mulleres.
A relación desta xadrecista coa EXP naceu no 2017, cando coñeceu o proxecto do club pontevedrés nos campos de refuxiados de Siria. Desde entón os contactos son constantes e, durante a pandemia, xadrecistas pontevedreses e arxentinos participaron en múltiples actividades en liña.
Durante a súa estancia en Pontevedra, a xogadora impartiu unha charla na escola e deleitou a toda a poboación cunha sesión de partidas simultáneas o pasado luns na praza Fermín Bouza Brey.