O Concello de Poio renovará a imaxe do campo de fútbol da Reiboa
Por Redacción
O campo de fútbol da Reiboa contará cunha imaxe renovada. Esa é a intención do Concello de Poio, que ten en mente unha actuación para renovar o céspede de herba sintética ademais doutras melloras. O proxecto está valorado en 294.000 euros.
A edil de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, destacou a necesidade de levar a cabo estes traballos "agora máis ca nunca, tendo en conta que o pulso da competición e da práctica do deporte vai collendo ritmo, grazas á boa evolución da situación sanitaria".
Segundo informaron dende o Concello, no vindeiro pleno ordinario abordarase unha modificación orzamentaria para poder executar a actuación, moi demandada polos clubs que utilizan habitualmente estas instalacións para competir e adestrar.
Con esta obra, a intención do goberno é que o campo de fútbol conte cunha superficie de última xeración, que "cumprirá con todos os requisitos de calidade establecidos pola FIFA", sinala Caldas. Este novo céspede substituirá ao actual, que se atopa moi deteriorado.
A edil nacionalista avanzou que unha vez se complete toda a tramitación previa, que incluirá o pertinente proceso de licitación, a actuación comezará coa retirada de elementos como os bancos e as porterías, ademais do céspede actual. Unha vez quitada esta superficie, procederase á reparación do asfalto, co obxectivo de garantir unha correcta escorrentía de augas, o que axudará a evitar acumulacións no céspede en época de choivas.
Ademais, no proxecto incluirán a limpeza e posta a punto do sistema de drenaxe habilitarán o novo tapete e renovarán as porterías, as bandeirolas dos córners e os canóns de rego. Tamén porán a punto as pistas exteriores, así como o mantemento dos circuítos da Escola de Ciclismo.
Relacionadas:
-
Poio abre "de xeito seguro e progresivo" os vestiarios das instalacións deportivas da Seca
Por Redacción |
-
A Deputación, a través do seu Plan Estratéxico do Deporte, acondicionou 88 campos de fútbol
Por Redacción |
-
O Atletismo Rías Baixas propón acondicionar en "hierba o tierra" unha pista atlética no campo da Reiboa
Por Diego Espiño |