O Teucro presuposta un superávit de 76.500 euros para a presente tempada
Por Diego Espiño
Os socios da Sociedade Deportiva Teucro aprobaron as contas da entidade para a presente tempada, caracterizadas por unha notable redución nos apartados de ingresos (362.500 euros presupostados) e principalmente de gastos.
Con todo, a directiva encabezada por Carlos García-Alén presentou unhas contas que prevén un superávit de 76.500 euros a final de tempada. Esta cantidade, de confirmarse, destinaríase a amortizar a elevada débeda do clube.
Pácida en canto ao balance económico anual, a Asemblea tiña non obstante outro foco de interese, a entrada do Teucro en concurso abreviado de acredores. O presidente explicou aos asistentes que a solicitude concursal xa foi aceptada polo Xulgado do Mercantil nº2 de Pontevedra, que designou a Vicente Domínguez como administrador do proceso.
A clave para unha solución positiva será chegar a un acordo co 51% dos acredores. Para iso será vital a decisión de Raúl López, dono de Monbús, que segundo García-Alén se achegará á cidade a próxima semana para negociar con Pontevedra e Teucro a adhesión aos seus respectivos convenios.
A débeda da sociedade coa empresa de transportes ascende a 128.875 euros. Con esa cantidade o Teucro superaría o 51% necesario de adhesións (a Axencia Tributaria, principal acredora, queda á marxe) e podería avanzar co concurso reducindo a súa débeda un 50% e aprazando o resto de pagamentos a un prazo de cinco anos.