José Antonio Lema revalida o título de campión de España de Tiro olímpico F-Class
Por Redacción
O pontevedrés José Antonio Lema pechou a tempada revalidando o título de campión de España de Tiro Olímpico F-class 900/1000 iardas.
As instalacións do Acuartalamiento Militar de Parga, en Lugo, foron as elixidas para disputar o Campionato de España de tiro olímpico desa modalidade, marcado en especial polo vento que predominou durante toda a xornada con refachos de aire de 30 a 40 quilómetros por hora, dificultando o traballo dos tiradores para obter boas puntuacións.
A competición constou de tres días. O primeiro foi de adestramento, onde os deportistas practicaron de fronte ao torneo, e os outros dous foron de campionato. Os participantes contaron cun total de catro entradas de 22 disparos cada unha, que se repartiron á súa vez en dous días: dous o domingo e outras dúas o luns. A puntuación máxima por entrada é de 100.20 V, polo que o máximo que se pode obter é de 400.80 V.
Despois dunha primeira xornada bastante igualada na que houbo moita variación nas puntuacións segundo avanzaban as quendas, o gañador decidiuse o último día.
Foi o luns cando, nas dúas últimas entradas, Lema conseguiu unha gran vantaxe con respecto aos seus rivais, conseguindo unha puntuación de 100.10V a 900 iardas e 100.8V a 1000 iardas que, sumada á da xornada anterior, fixo un total de 382.32V que lle valeu para colgarse a medalla de ouro e revalidar o título de campión de España de Tiro Olímpico F-Class 900/1000 iardas.
Con este título, o pontevedrés dá por finalizada a tempada na que logrou dous Campionatos de España (500/600 e 900/1000 iardas) e dous Campionatos Galegos (500/600 e 900/1000 iardas), ademais dun gran 18 posto no Campionato de Europa.