Poio abre "de xeito seguro e progresivo" os vestiarios das instalacións deportivas da Seca
Por Redacción
Unha das últimas restricións que pesaba sobre o deporte de Poio chega ao seu fin.
O Concello confirmou que se permite desde esta mesma semana a apertura "de xeito seguro e progresivo" dos vestiarios das instalacións deportivas da Seca.
Así o confirmou a edil de Deportes, Marga Caldas, sinalando que poderán empezar a utilizarse as duchas despois dos adestramentos e partidos aínda que, iso si, cumprindo unha serie de medidas que axuden a garantir o distanciamento entre as persoas.
Ademais de enviar a información pertinente aos clubs, o goberno local instalou carteis informativos nos que se detallan as medidas para seguir, entre as que destacan o uso obrigatorio de máscara ou o mantemento da distancia de seguridade.
Os adestradores serán os encargados de controlar que se cumpran estas medidas e establecer turnos, contemplándose que as mochilas deberán quedar no exterior do vestiario e que non se poderán usar todas as duchas, para deixar polo menos una sen usar entre as persoas que as utilicen.
Con respecto ao aforo, tanto no campo de fútbol da Seca como no da Reiboa, nos vestiarios só poderá haber 8 persoas simultaneamente nos bancos e 5 nas duchas. No caso do pavillón, serán 7 e tres, respectivamente. Por último, no ximnasio, o vestiario masculino terá capacidade par 7 persoas nos bancos e dous nas duchas, mentres que no feminino será de 4 e 1, respectivamente.
Estas medidas poderanse ir modificando en función da evolución a situación sanitaria.
"Somos conscientes do necesario que resulta que os e as deportistas de diferentes idades poidan cambiarse e ducharse coa máxima comodidade posible, pero non debemos baixar a garda e cumprir con todas as medidas de seguridade", sinalou respecto diso a edil de Deportes.