Pontevedra pasa exame para afrontar o Europeo Cadete de Loita en 2023 e o Mundial Júnior en 2024
Por Almu Dapena
Pontevedra e a loita olímpica, un dos deportes polos que o Concello apostou con máis forza nos últimos anos, buscan seguir coa súa boa relación ata, polo menos, 2024.
Antes da irrupción de pandemia, a cidade do Lérez foi escenario de varios campionatos de España e tamén do Europeo Júnior de 2019, ao que se suma o Campionato do Mundo Sub-23 que se celebrará no mes de outubro de 2022. Con todo, a ambición non queda ahi, senón que desde Pontevedra aspiran a acoller o Campionato de Europa Cadete en 2023 e o Campionato do Mundo Júnior en 2024.
Para iso, o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiu este sábado no Pavillón Municipal dos Deportes ao comisario da United World Wrestling (UWW) Pedro Silva, que se atopa en Pontevedra no marco dunha visita para coñecer de primeira man as instalacións deportivas e infraestruturas da cidade. Silva, acompañado polo director técnico da Federación Galega de Loita, Pablo Pintos, e polo técnico da mesma, Alexander Kachelaev, serán determinantes para que as pretensións da Boa Vila de acoller tales eventos cheguen a bo porto.
Durante a visita, o tenente de alcalde anunciou que "unha delegación do Concello de Pontevedra viaxará a Belgrado entre os días 1 e 5 de novembro da man da Federación Galega de Loita e a Federación Española de Luchas Olímpicas co obxectivo de recoller a testemuña Serbia e asumir oficialmente a organización do Mundial de Loita sub-23 de 2022".
"Acudiremos a Belgrado como parte fundamental do comité organizador do Campionato de Mundo que se celebrará en Pontevedra en outubro do vindeiro ano, nunha viaxe que resulta histórica non só para a nosa cidade e para Galicia, senón tamén para o deporte español, xa que se trata do primeiro evento desta categoría que se celebrará aquí", subliñou.
"Queremos ser ambiciosos porque podemos selo. Temos un aval de experiencia na organización de eventos deportivos internacionais do que poucas cidades europeas poden alardear e estou convencido de que para o Campionato do Mundo sub-23 de 2022 teremos unha organización de matrícula de honra que nos permitirá continuar a posicionarnos no calendario internacional nos vindeiros anos", asegurou Tino Fernández, que revisará 'in situ' a celebración do Mundial Sénior sub-23 no país balcánico co fin de mellorar a experiencia dos deportistas o ano que vén.
Ademais, a visita do comité organizador español coincidirá coa Asamblea da Federación Internacional (a United World Wrestling), onde se valorarán as candidaturas dos países para albergar os diferentes eventos continentais e mundiais para os anos 2023 e 2024, entre elas as de Pontevedra. Nela decidiranse tamén os novos rostros do Bureau da UWW, máximo órgano de goberno da Federación Internacional.
Con eles ten previsto reunirse o comité organizador da Boa Vila, segundo anunciou Tino Fernández para "afianzar as vindeiras candidaturas de Pontevedra e continuar como referente histórico do deporte, por diante de cidades moito máis grandes e coñecidas internacionalmente".
Para iso, ademais de amosar as instalacións do Pavillón Municipal dos Deportes, os visitantes se achegaron até o Recinto Feiral para ver o amplo espazo co que se podería contar para instalar un servizo de catering para deportistas. "Dado que este tipo de competicións soen interromperse en horario de 14:00 a 17:00 horas, consideramos que sería unha vantaxe contar cun lugar como o Recinto Feiral para evitar que os deportistas teñan que desprazarse aos seus hoteis para almorzar neste tempo de descanso", destacou o edil socialista.
Os encargados de representar a España e Pontevedra na viaxe serán Francisco Iglesias Senra, presidente da Federación Española de Loita; José Luis Olazábal Ibars: presidente da Federación Galega de Loita; Tino Fernández González, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Pontevedra; Alexander Kachelaev, técnico da Federación Galega de Loita; David Pérez Araújo, técnico do Servizo Municipal de Deportes e Pablo Pintos Figueroa, director técnico da Federación Galega de Loita.
Relacionadas:
-
O Mundial Absoluto de Grappling poñerá a guinda a un outubro máxico para a loita en Pontevedra
Por Redacción |
-
Alexander Kachelaev desvincúlase do CGTD tras 30 anos formando os loitadores galegos
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra prepárase para un 2022 cheo de deporte internacional
Por Redacción |
-
Constituído o comité organizador do Mundial Sub-23 de loitas olímpicas que se celebrará en 2023 en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A Federación Internacional ratifica por carta a Pontevedra como sede do Mundial Júnior 2024 de loita
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra, capital da loita: Acollerá o Mundial de Grappling Cadete-Júnior 2022 e o Mundial Júnior 2024
Por Diego Espiño |
-
Belgrado pasa a testemuña a Pontevedra para a organización do Mundial Sub-23 de loita
Por Redacción |
-
Lores marca como obxectivo a medio prazo "avanzar cara ao Campionato do Mundo Absoluto" de loitas olímpicas
Por Diego Espiño |
-
Sergio Troitiño consegue coa súa prata en Turquía o pase ao Europeo sub 21 de taekwondo
Por Redacción |
-
Conceden a Pontevedra a organización do Mundial de Loita Sub-23 en 2022
Por Diego Espiño |