Cacharrón afiánzase na portería do Pontevedra tras encadenar tres partidos a cero: "É cousa de todos"
Por Diego Espiño
Pablo Cacharrón (Lugo, 1997), é un dos nomes propios das últimas no Pontevedra Club de Fútbol, e é que o gardameta encadea tres xornadas consecutivas sen encaixar, coincidindo coas vitorias conseguidas polo equipo.
"Ao principio custábannos moi caros erros puntuais. Agora vese un equipo que está cómodo sen balón, con balón e que xeramos moito. O que nos faltaba era un pouco pechar liñas atrás e non cometer eses erros", analiza o arqueiro.
Cacharrón sobrepúxose a un inicio de liga complicado non só a nivel colectivo senón persoal, ao empezar no banco a pugna polo posto con Álvaro Cortés, pero ten claro que o mérito é que "estamos moi concentrados, moi ben a defensa e os once, porque é cousa de todos". Tanto é así que en tres partidos apenas recibiu disparos entre os tres paus. Iso non quita que estea centrado no seu labor, que tamén pasa por "dominar a área, tentar que o equipo salga co balón limpo, son moitas cousas que hai que estar concentrado e preparado para cando toca facelas".
O futbolista lugués asegura atoparse "moi feliz" na Boa Vila, un destino no que "asinei porque quería vir ao Pontevedra, non pensando en quen vou ter de competencia", asegura en relación á bonita batalla deportiva cun Cortés que como el ocupa ficha sénior e que viña de ser titular o curso pasado.
"Agora teño eu a oportunidade e vou tentar non saír de aí", recoñece defendendo, iso si, a boa relación co seu compañeiro baixo os paus de Pasarón. "Ao final somos os dous xogadores do Pontevedra e os dous estamos ao mesmo, cando xogou el eu apoieino ao máximo e agora el cando me tocou a min apoioume ao máximo. Levámonos moi ben e iso é bo para o equipo", mantén o porteiro.
Preguntado por se se ve moitos anos de granate, Pablo Cacharrón revela que "me encantaría, asinaríao xa", porque "é un club que vale moito a pena", asegura referíndose á historia e a unha afección que "é un dos activos máis importantes que ten o club".
Polo momento mantén os pés no chan e a súa intención de "seguir adestrando ben" sen mirar á clasificación, xa que "en 8 xornadas é anecdótico" e "isto é moi longo, non é como o ano pasado".
Polo momento a súa seguridade e a mellora defensiva fan que acumule 270 minutos sen recoller un balón da rede da súa portería, e que sexan moitos máis porque iso significará unha gran noticia para os de Ángel Rodríguez.
Relacionadas:
-
Charles, 'de cabeza' á pelexa polo pichichi
Por Diego Espiño |
-
O Coruxo, ameaza para un Pontevedra en xeira positiva: "Non podemos baixar a garda ante ningún rival"
Por Diego Espiño |
-
A resonancia magnética descarta "fractura ósea aguda" no nocello de Rufo, pero estará varias semanas de baixa
Por Diego Espiño |
-
Rufo sofre unha escordadura de grao II no seu nocello
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra resolve en Segovia en 10 minutos e segue crecendo (0-2)
Por Diego Espiño |