De Cambados a Maldivas para desenvolver o fútbol base do país
Por Redacción
As Illas Maldivas é o novo destino dun grupo de adestradores galegos nun bonito proxecto no que o obxectivo é desenvolver o fútbol base neste país.
Nese grupo atópanse tres técnicos cambadeses, con Blas Charlín á fronte como coordinador. O ex adestrador en clubs como Juventud Cambados, Pontevedra ou Arosa leva uns anos embarcado en proxectos internacionais, desde a súa experiencia en Angola pasando polo seu labor coa Celta Academy en Romanía e México.
Xunto a el embarcáronse no proxecto Jhon Ríos e Pacho Oliveira, adestrador con amplo currículo en equipos da provincia e experiencias como a vivida no Al-Ittihad de Arabia Saudita e que renunciou recentemente ao seu labor como delegado da Escola Galega de Adestradores por esta oportunidade.
Os tres desembarcaron en Malvidas para implementar a súa experiencia da man de Real Hispania MS2, empresa cuxo CEO é o ex-futbolista Míchel Salgado e que asinou coa coa Football Association Maldives un proxecto para desenvolver o fútbol no país índico nun programa por fases que se completará en seis anos.
O primeiro dos pasos, segundo informa a Real Federación Galega de Fútbol, é a posta en marcha de 18 academias de fútbol por todo o arquipélago e un Centro de Alto Rendemento en Malé, a capital.
Fran Caínzos, Abel Lorenzo, Iñaki Cabaleiro, Eduardo Gonçalves e o fisioterapeuta José Valera completan a nómina de profesionais, con 7 galegos, que participan na primeira fase do proxecto.