O seguro deixa na estacada a Miguel Sío tras a súa rotura de cruzado e négase a custear a operación
Por Diego Espiño
Indignación na Sociedad Deportiva Teucro ante a situación na que se atopa un dos seus xogadores, Miguel Sío, tras a grave lesión de xeonllo que se produciu durante o partido da segunda xornada de liga na División de Honra Prata, no derbi pontevedrés fronte ao Cisne.
O extremo teucrista, nun mal apoio, rompeu o ligamento cruzado do seu xeonllo, unha noticia xa de seu devastadora ao ter que pasar polo quirófano e enfrontarse a unha longa recuperación que lle manterá afastado das canchas toda a tempada.
Pero a desgraza non quedou aí, e é que o seguro federativo, obrigatorio para competir, négase agora a custear a operación cirúrxica que necesita.
Así llo comunicou ao xogador, alegando que se trata dunha lesión pre-existente ao ter pasado pola mesma situación hai 10 anos.
A polémica decisión lembra ao caso do central Marko Dzokic, ao que os médico recomendaron operarse a pasada campaña para solucionar os seus problemas no menisco atopándose coa oposición do seguro. Este caso vai terminar nos tribunais, xa que o Teucro está a preparar unha demanda xudicial contra a compañía aseguradora.
Paralelamente o vicedecano está a tentar presionar á Federación Galega para que busque unha solución ao ser "a que contrata os seguros", entenden desde o club pontevedrés, que abona por este concepto preto de 250 euros por cada un dos seus xogadores.
Relacionadas:
-
O seguro ofreceu a Miguel Sío facer "unha excepción" para custear a súa operación de xeonllo
Por Diego Espiño |
-
Derbi provincial no Rosal para un Teucro que busca "dous puntos reais"
Por Redacción |
-
Ex-xogadores do Teucro reclaman débedas da 19-20 e o club deféndese: "Son cantidades pequenas e con discrepancias"
Por Diego Espiño |
-
Miguel Sío ten roto o ligamento cruzado do seu xeonllo
Por Diego Espiño |