Invento pontevedrés para acabar coas pérdidas de tempo no fútbol
Por Manu Otero & Mónica Patxot
O campo de fútbol de Xeve converteuse na tarde deste mércores nun laboratorio no que se probou un invento que pretende revolucionar o mundo do fútbol. Trátase dunha máquina, deseñada pola empresa LAB Pro que dirixe o pontevedrés Diego Roel, que introduce balóns de forma automática no terreo de xogo para terminar dunha vez por todas coas antideportivas e habituais perdas de tempo.
"É unha máquina que está oculta no terreo, fóra do rectácngulo de xogo. O único que fai é, cando sae un balón do campo, levantarse automaticamente e coloca un balón na área pequena para que o porteiro saque rápido", ilustra o inventor. Pero non só serve para sáquelos de porta, tamén pode lanzar balóns con exquisita precisión aos córneres, a calquera punto da liña de banda ou calquera parte do terreo de xogo.
O sistema ten capacidade para virar 360 graos e leva incorporado un sistema de ozono para desinfectar os balóns, así como un control de presión para refugar os que estean deshinchados. "É moi versátil", recoñece Roel.
Para o áxil funcionamento do sistema, desde LAB Pro consideran que deberían instalarse dúas máquinas a cada un dos lados das dúas porterías, así como outras dúas en cada unha das bandas.
Este mecanismo podería acabar cun dos sinais de identidade do fútbol: os recollebalóns. Pero en LAB Pro non se esqueceron da importancia desta figura no mundo do fútbol, non só para dar continuidade ao xogo, senón polo emocionante que resulta para os menores poder estar preto dos seus ídolos e pasarlle un balón.
"Pensamos tamén nos recollebalóns. Introducimos un tubo, que vai detrás dos valos publicitarios de todos os estadios. A función que teñen os nenos é recoller a pelota e recargar as máquinas. A súa figura non desaparece, pero evitamos encontróns cos xogadores", argumenta Roel.
Coa proba de campo realizada e gravada desde diversos puntos de vista, o seguinte paso da empresa será o de integrarse no Plan de Innovación da FIFA. Unha vez sexan aceptados, terán que asinar un convenio cun club para testar o sistema durante unha tempada nunha competición non inferior á categoría de bronce do fútbol español.
"O noso proxecto encaixa no plan da FIFA. O primeiro requisito era ter un prototipo e un club que chas deixe poñer", defende orgulloso Roel, quen puntualiza ademais que a súa empresa ten a patente mundial para a implantación dun "sistema e método para introducir pelotas nun terreo de xogo, que pode ser de fútbol, balonmán beisbol ou calquera outro deporte".
E a máquina non só serve para acabar coas perdas de tempo, tamén pode empregarse para mellorar a calidade dos adestramentos de calquera club. "Pódense colocar nos corners e programala para lanzar ao primeiro ou segundo pau, ao momento de penalti ou altura determinada. Tamén para os porteiros, lanzándolle dez a unha escuadra e dez a outras, con efecto. É unha marabilla", conclúe o promotor desta nova iniciativa.
Cabe destacar tamén a predisposición do Pontevedra Club de Fútbol, que puxo á disposición dos traballadores da empresa ao plantel do seu segundo equipo que, ás ordes de Luismi, simularon todo tipo de xogadas para probar a efectividade dunha máquina que pronto estará presentes nos estadios máis importantes do mundo.