Viaxe a Palencia dun Arosa que quere traducir en puntos as súas boas vibracións: "Das sensacións non se vive"

Por Diego Espiño
A estrea do Arosa na Segunda RFEF está a deixar bo sabor de boca ao club arlequinado, pero "urxen as vitorias porque os puntos esta tempada coa liga tan igualada son necesarios".
Son palabras do dianteiro arosista Luismi que resumen o que sente un plantel consciente de que "das sensacións non se vive".
Por iso o cadro da Lomba viaxa este domingo (17.00 horas, Municipal Nueva Balastera) con ambición para render visita ao Palencia Cristo Atlético, equipo co que están empatados a 10 puntos na zona media da táboa.
"É un rival eu creo que moi parecido a nós, da nosa liga posiblemente", recoñece Jorge Otero sobre un equipo que "propón e deixa xogar, que nos pode ir ben, pero con moito coidado. É un equipo que mete moito ritmo. Imos ter que estar moi concentrados, moi atentos, porque nos van a esixir no aspecto defensivo a estar a moi bo nivel", analiza o técnico.
Unha xornada máis as baixas serán protagonistas nos de Vilagarcía, xa que ás ausencias de longa duración de Róber e Álex Cobo súmanselle aínda as de Campillo e Alberto Martín coa dúbida sobre o estado físico de Álvaro Denis.
O colexiado do encontro será o asturiano Francisco García Riesgo.